Todos temos ou tivemos relación directa ou indirecta coa emigración e o seu drama foi sempre destacado polos escritores galeguistas. Ao longo do s. XIX consolidouse a emigración temporal ás segas ou á vendima de Castela. Houbo tamén unha emigración a Portugal de asalariados, moitos dos cales asentáronse definitivamente no país veciño. Desde finais do S.XIX, a presión demográfica sobre a terra, o arcaísmo tecnolóxico, a falta de industrialización e a presión fiscal de Madrid, provocan unha masiva emigración cara América. Moita mocidade aproveitaba tamén para escacapar do servizo militar, pois o Estado español estaba enfrascado nas guerras de Cuba, Filipinas e Marrocos. Vigo e Coruña eran os principais portos de embarque e había "ganchos" que percorrían o país, animando á xente á aventura de ultramar. Porén tamén había quen emigraba desde Portugal. Calcúlase que entre 1885 e 1930 emigrou case un millón de persoas oficialmente. Ían a Cuba, Arxentina, Uruguay, Brasil, USA, Venezuela, México... Fundáronse centros galegos na diáspora, apareceron xornais, creouse a Real Academia Galega, financiáronse escolas, fontes e monumentos en Galicia. E coas remesas de cartos da diáspora moitos pagaron a redención dos foros e, máis adiante, mercáronse tractores e maquinaria agrícola. Porén as familias sepáranse, avelléntase a poboación que fica na terra; aparecen as "viúvas de vivos", o desarraigo nos que marchan e o drama persoal que todo isto conleva.

Entre 1950 e 1960 houbo outros 400.000 emigrantes. Porén paulatinamente foise restrinxindo o fluxo emigratorio a América e comezando outro dentro do Estado (a Madrid, Cataluya, Euskadi) e a Europa (Suíza, Francia, Alemania, Países Baixos e Gran Bretaña). Entre 1960 e 1980 emigraron a Europa 300.000 persoas, tamén oficialmente. O éxodo rural desertizou o campo galego. Na actualidade, por mor da crise económica, emigran non só traballadores, senón tamén intelectuais, talentos e profesionais cualificados.

Na emigración estreouse por primeira vez o noso himno e adoptouse a nosa bandeira. Os Centros Galegos foron e aínda son focos de conciencia nacional, acollendo e socorrendo aos exiliados republicanos da Guerra Civil e aos emigrantes sen recursos. Como dicía Neira Vilas, Galicia ten unha débeda enorme coa emigración. E, como dicía Castelao, o pobo galego non se rebela, emigra. Os nosos sectores produtivos non son estratéxicos para o Estado, non se defenden nin desde a Xunta nin desde o Goberno Central: deixanse esmorecer. A consecuencia é a pobreza e a emigración. E, por se fose pouco, a isto hai que sumarlle a crise global do modelo neoliberal, que esmaga ás clases populares...