É asombroso e desconcertante, por moito que se intente comprender, a capacidade de dicir e desdicir que teñen moitas persoas que se dedican á política. Este exercicio verbal-maquiavélico só deberían exercelo as cabezas moi astutas e con boa memoria. Non é así.

Estes días lemos en distintos medios que Servizos Sociais municipais de Redondela será trasladado das actuais dependencias na antiga Casa do Concello ao Multiusos da Xunqueira, logo de realizar as obras necesarias por importe de 50.000 euros. Aléganse varias razóns, esencialmente a de falta de espazo, falta de espazo?, 200 m2 ten a vella Casa do Concello entre a planta baixa e o primeiro andar. Ás críticas recibidas, a concelleira de Benestar Social manifesta que "o Partido Popular é o único que toma decisións e busca espazos acordes"; e remata dicindo que o Multiusos "abre a súa utilización a todo tipo de actividades: dende cursos do departamento de Emprego a iniciativas de Benestar Social ou actividades culturais; é dicir, calquera actividade relacionada co Concello". Maquiavélica contestación.

O Multiusos é un centro sociocultural, xuvenil e da terceira idade. Non foi construído para convertilo en dependencias administrativas do Concello (Concellería de Cultura, Normalización Lingüística, Benestar Social?) tal como están facendo, coa desculpa de falta de espazo. Falta de espazo para o que non lles interesa, e falta de recursos económicos para o que non é do seu agrado. Nestes momentos botaron do Multiusos, co mesmo pretexto de falta de espazo, asociacións que contribúen de forma altruísta a dinamizar a vida cultural do Concello. Ben, o de Cultura e Normalización é unha cousa especial para cubrir o expediente, case virtual, conta cunha funcionaria para os dous departamentos. O Multiusos é un edificio de reducidas dimensións para as necesidades culturais de Redondela, está estartelado por falta de mantemento e incumpre normas se seguridade esenciais: reflicte perfectamente o interese cultural dos seus xestores.

Así as cousas, o que veñen a dicirnos é que non son de interese as iniciativas culturais coas que as distintas asociacións poidan contribuír e colaborar. Como mostra, podemos falar da proposta de recuperación dos nomes de lugar, da toponimia, elaborada, en parte, pola Asociación Alén Nós e verificada polo profesor Gonzalo Navaza. Un proxecto que foi considerado e mesmo aprobado polo pleno da corporación. Leva cinco anos durmido enriba da mesa dun concelleiro. Daquela, o que lles é útil e beneficioso, o que queren é crear espazos de ocio que non propicien reflexións da veciñanza. Xa o dixemos noutra ocasión. Como é posible que contemos, na vila, con dous campos de fútbol e con dous pavillóns de deportes e non teñamos un auditorio decente e acorde coa poboación do Concello? Como poderemos explicarlle ás novas xeración que non contemos cun museo da historia de Redondela despois de telo reclamado durante vinte anos? Por que se tirou co edificio de Fenosa habendo tantas necesidades? Porque non existe a mesma colaboración con todos os colectivos culturais? Por que no 2015, os actos do ano de Telmo Bernárdez resultaron todo un fracaso? Por que neste último asunto se puxo a raposa a ter conta do galiñeiro?

Foi un futbolista o que dixo: "Pódese enganar a algúns todo o tempo e a todos algún tempo, pero non se pode enganar a todos todo o tempo"?

Pois ao tempo.