A medida que te vas achegando, hai que recoñecer que impón; en canto agabeas a costa daste de conta que a supernova estación do tren de Redondela brilla con luz propia. O seu perfil esquivo, romo, redondo e rotundo, fabricado nos novos materiais que utiliza a arquitectura máis vangardista, acaba por roubarche o corazón. Non digamos nada cando cruzas a porta de entrada, deixando á esquerda a máquina expendedora de billetes, á dereita a oficina de información; a seguir virán os ascensores e as escaleiras mecánicas; as paredes forradas en madeira cos extintores encastrados, a maxestuosa vidrieira habitada por siluetas de aves para impedir que os paxaros se estampen, en fin non falta detalle; non quero esquecerme do piso antiesvarante e as luces de baixo consumo que alumean as instalacións tan espléndidamente. Todo fantástico. Hai arredor dun ano que funciona, pero o detalle é que ata o de agora non chovera nadiña. En canto caíron catro pingueiras colocaron un caldeiro azul na planta baixa. Seica chove. Eu so quería facer o eloxio do caldeiro, o resto... é humidade.