Resulta cando menos curioso observar nestes días a hipocrisía dalgúns dos aspirantes a representarnos politicamente ó semellaren xulgar sobre as persoas a teor do estilo do peiteado ou da calidade e profusión dos perfumes cos que os seus adversarios políticos agariman ou deixan de agarimar a pel do seu corpo. Coma se non houbese millóns de persoas polo mundo adiante que, no canto de se poderen dedicar a tales sutilezas visuais ou olfactivas, abondo teñen con acadaren a sorte de se levar un codelo de pan á boca para eles ou para as súas familias. Estes desherdados da vida teñen porén igual dignidade, se non máis, cós mencionados e fachendosos xuíces da boa aparencia estética dos demais. Para máis inri, é ben sabido que os luxos ou comodidades coas que tales xuíces se rodean na vida están non poucas veces na orixedas penurias de tantas persoas e grupos marxinados que hai polo mundo adiante.Despedir ó ar e recoller co olfacto fragrancias agradábeis a ninguén, xaora, lle desprace. Mais hai diversos tipos de capacidade olfactiva. Dende aquela que percibe o recendo dalgunha persoa virtuosa da que as pías crónicas contan que morrera "en olor de santidade" ata os máis directos e nauseabundos cheiros que emanan do corpo en corrupción de calquera animal (incluído o humano). Mais xa que vén a conto o da corrupción, esta haina, como desgraciadamente ben sabemos, tamén a outros niveis máis sutís, aínda que moito máis daniños e prexudiciais cá simple corrupción dun corpo en descomposición. É aquela pola que foron eficientemente tentados desde sempre os poderes políticos, relixiosos ou económicos ata os nosos mesmos días, por máis que se aureolasen a si mesmos con fermosas vestimentas ou emitisenpurísimos efluvios ou recendos ó pasaren onda nós. Poucos haberá na historia humana que teñan fustrigado tan expresiva e graficamente esa infecta mestura de falseada beleza e acochada podremia mal ulinte ca aquel firme e sinxelo profeta galileo, nada proclive ós finos modos de vestir e de se amosar dos hipócritas poderosos do seu tempo,queasí os censuraba: "Ai de vós, hipócritas, que limpades por fóra a copa e mailo prato e por dentro estades ateigades de roubos e vicio! Ai de vós que vos parecedes ós sepulcros encalados, que por fóra parecen fermosos e por dentro están cheos de ósos de mortos e de impureza!".Líbrenos Deus, amigos, de sermos gobernados por corruptos na lexislatura que vén, aínda que non luzan peiteado canónico nin exhalen perfume de marca.