Pregúntome quen "manda"neste país, se os españois elexindo aos seus representantes ou se os mercados. Pasadas as eleicións, e coñecidos os resultados, xa comezaron a escoitarse voces chamando por un "pacto de Estado" entre o PP e o PSOE, voces que proviñan das filas do IBEX-35 e adláteres de vario pelo. Escoitando certos debates políticos, avisan así mesmo como os inversores internacionais negábanse a invertir en España ate que se afastaran as brumas da inseguridade tralos resultados eleitorais. Eu, persoalmente, estou farto desta chantaxe do capital financieiro e dos seus esbirros disfrazados de representantes do pobo e de contertulios de cafetería. Xa vimos en Grecia que si o pobo vota a quen non lle convén ao capital hai xeitos de estrangular ao pobo con "corralitos" e "facer entrar en razón" aos dignatarios rebeldes contra a causa do gran imperio. Por outra banda, o argumento dos "inversores internacionais" mercando débeda española non cola, aqueles "inversores" hoxe sabemos que eran en realidade Rajoy saqueando o fondo de pensións para automercarse débeda e quedar ben ante uns medios de comunicación totalmente manipulados.

Semella que se no país os dous de sempre non teñen maioría absoluta para converter o Parlamento nunha teatrada, vivimos na inestabilidade. Xa temos, ademáis, unha lei eleitoral creada ex profeso para impedir parlamentos "á italiana", unha lei que favorece a determinadas forzas políticas en detrimento doutras e que permite ter máis escaños con menos votos según a distribución provincial. Unha lei eleitoral que nen o PP nen o PSOE quixeron cambiar e que consolida auténticos fraudes democráticos como a anterior lexislatura de Rajoy, desfrutando dunha maioría absoluta que non correspondía co emanado das furnas por moito que repitan o contrario coma un mantra.

Tamén se escoitan voces que ven posible unhas segundas eleicións xerais no 2016. Semellan os nenos pequenos xogando ao parchís, que non queren perder e tiran o dado unha e outra vez e só dan por válido o resultado cando lles permite dar por gañada a partida. ¡Así da gusto! Vivimos nun auténtico fraude de democracia... sobre os impedimentos de que voten os residentes no estranxeiro, as curiosas viaxes que fan eses votos sendo "custodiados" sen garantía e como as veces sinxelamente desaparecen, sobre iso... non digo nada por náuseas.