Viñera a Vigo un xornalista madrileño, daqueles que foran cronistas da movida viguesa, e contaba o home --no seu programa de radio-- de erguerse ben cedo para visitar a lonxa do Berbés. Alá ía el para as cinco da mañá a verlles as agallas ao peixe, que é como dicir o tótem da cidade. Non falaba de se lía algo nelas, se cadra só vía agallas e para de contar (pensar é unha doenza dos ollos).

Parece ser que hai culturas mariñeiras que len nas tripas do pescado. E para min que as tripas de Vigo andan no peirao. Aprender os seus segredos había de ser asignatura obrigatoria. Qué designios nos agardan?, e cousas polo estilo. Os vigueses -metropolitanos- lemos, pero como quen dí, "pa diante" de maneira canónica, sen atenderlles aos augures nin ás vellas prácticas máxicas, exclusivamente fiándonos da folla escrita (libros, xornais) co alfabeto aprendido entre pupitres e nada mais. E haiche outras cousas, existen incluso sentidos mais acaídos para percibir certas cousas: o futuro da flota pesqueira, por exemplo. Cheira.