Non contaba co meniño, o futuro, cando embarcaron cara as praias de Europa. Viña el cos zapatos ben anoados e vestidiño para unha nova vida, pero en troques deulle a benvida a mañá fría e aloumiñouno o mar para ver de el reaccionar. Ondas da resaca occidental, vencidas na beira un día sí e outro tamén, saben elas que as areas son ermo e nin a auga resiste á súa desolación. Viu Aylan escuma e dunas e mares de indiferencia.

Traeríao a nai pola man e el fiaríase porque con ese vincallo nada a ningún neno lle pode pasar, pobres de nós, que somos tan duros que nin sequera choramos. Unha soa lágrima e nos salvaríamos. Alentarían os nosos tristes vampiros que só pensan no sangue para pasar o día. Cando naceu Aylan, na casa farían confeitos e doces e todos os viciños serían convidados. Agora hai unha foto e a noticia é saber se este ou aquel xornal a decidiu publicar. Na acordanza do primeiro mundo anda a conciencia a rillar onde mais doe. Sinte culpa Europa da desgraza de Siria. Chequéase o continente nas súas cabeceiras a ver como anda de humanidade e se é posible conciliar riqueza e dor. O pequeno Saladino. Non lle deron tempo de facerse maior. Pelexaría el polas cousas de outros, cíclopes papantes vidos de lonxe, levan séculos comendo da casa do pai. E él Aylan, nuns anos sería un home, e quizais se xuntara a outros e non poderían dicirlle xa que el era estranxeiro e que non tiña casa nin tampouco nación.

O mar peiteallle os cabelos e badúa como unha nai tola. Perde coidado. Volverás ao berce que o teu pai agora xa non quer marchar. Acouga. Quedará el na terra para teu sono velar.

Se eu hoxe comezara a louvarte pensarían que é certo que empezaches morrer, así que te nego e maldígote e te cubro de terra e che escribo o epitafio. É preciso que vivas, pois ti es alento e es insurrección. Ouh Aylan!, a túa alma é inocente e iso nun peito é dinamita pura! Alpeira! Aínda que pra iso debas falecer. Moitos agardan por ti nesta beira preterida. É Mosul, Alepo, Kurdistán. Moitos esperan para poder cruzar. Son valentes e desprezan a morte. Non ven o momento de oír o sinal. Matinan tomar por sorpresa esta noite o estado do benestar.

Viñeron e partiron e cada un levou un anaco, ergueron valados, meteron chantóns, sementaron minas e foi a ladroiza.