Dicía alá atrás Natalie Portman, máis ou menos, que o éxito é unha cousa banal e isto parecen confirmalo as rutilantes estrelas que cada ano veñen ao certame cinematográfico de Cans.

Os nosos, os actores do país, que tiran fotos e máis fotos cos admiradores e posan para selfies sen descanso, e teñen tempo aínda para ser amables e celmosos cos afeccionados, non difiren daqueles mitos hollywoodenses por moito que alá gañen infindamente máis cartos e se distribúan seus filmes exponencialmente máis. Teñen, sí, os americanos, unha gran industria, mais é dificil que un actor de aquí emigre aos EE UU e asine alí mellores películas.

Nós, achegámonos onte polo Círculo Recreativo Cultural do Porriño. Cadrou de andar aínda polos xardíns Luis Tosar e sentimos no momento ese impulso absurdo, similar á caza de autógrafos, de inmortalizarnos xunto a este actor de gran talento. Tivemos entón a ocasión fugaz de observalo espido das personaxes sucesivamente encarnadas e o home observounos á súa vez cunha ollada carente de divismo.

Eu, para min, que este e outros profesionais da farándula disfrutan sinceramente do trato de perto cos espectadores que os recoñecen e valoran e iso sí que é unha satisfacción verdadeira. Logo souben que o marearon unha chisca moitos fans, porque el nesta altura xa goza desa sona merecida pero sobredimensionada que nos leva, ás persoas, a pensar como masa. De sabelo antes houberámolo deixado tranquilo.

Acordeime, daquela, dunha frase sabia e de recendo bíblico: Eu non son máis ca un que camiña entre vós. E logo?