No bombo da sorte tocoume formar parte dunha mesa electoral. Será o próximo domingo. Por alí pasarán os das vivendas protexidas dando o voto perpetuo ós responsables do seu paro. Pensando, os moi ilusos, que así volverá haber traballo na cidade. Virá Josefa para apoiar ós que lle recortaron, aínda máis, a mísera pensión que apenas lle da para vivir. Juan, que alardea moito no bar, votará polos que desafiuzaron (policía nacional por medio) á súa filla e netos. Condenándoa, de por vida, a pagar por algo que non ten nin terá. Non lles faltará o voto (por aquelo de ser do réxime) do cargo da Mariña retirado. O cativo non lle entrou na Escola Naval e agora está poñendo copas en Londres.

Antonia e José vanse amañando coas bolsas que voluntarios lles traen da Cociña Económica. Apoiaranos igualmente . Máis que nada por respecto a Don Manuel, que foi o que lles conseguiu a "paguiña" cando voltaron das Américas sin chegar a facelas. Aquel home do ensanche que está tan enfermo, ídem. Non toma o tratamento completo dende o copago porque non lle chegan os cartos. Pero xustifícaos: "Algo había que facer porque a xente tiña os botiquíns das casas cheos e era un despilfarro".

Aproximadamente a metade da xente do barrio non a verei ese día. Pertencen a outro grupo. Non son culpables pero sí cómplices. Son os que non irán votar. Están cansos e desencantados co sistema. Callou neles o discurso de que "todos os políticos son iguais, uns ladróns". E, para castigalos , os moi inxenuos non van a votar por ninguén. Nin se decatan que, coa súa pasividade, están favorecendo que volvan a saír e medrar os máis corruptos.

O Meteo da bo para ese día. Eu non o poderei disfrutar pero a cambio serei observador , na fila un, dese proceso marabilloso chamado Democracia. Un mecanismo que custou moita sangue conseguir para que, por fin, teñamos a opción de escoller libremente o noso futuro.