Dende hai tempo, vimos coñecendo noticias sobre trampas colocadas en montes, por onde pasan moteiros e ciclistas. Quede claro, dende o principio, a miña repulsa por eses actos malvados de colocación de cables ou outras trampas que poidan provocar accidentes.

Pola contra, debo manifestar tamén a miña opinión sobre certas persoas, que sen pudor, están aterrorizando aos camiñantes silenciosos que escollemos os bosques e montes para gozar da paz natural e do canto das aves. Os camiños e congostras veciñais, que xamais tiveron uso para ningún tipo de vehículos, están sendo invadidos por persoas sen escrúpulos que derruban muros centenarios, fan grandes rodeiras polas que é difícil transitar a pé, cambian as canles de pequenos regueiros, perturban a paz da fauna silvestre que viven no seu hábitat natural, espantan os paxaros en época de nidificación provocando abandonos de niños, e poñen en perigo ás persoas, que coma min, sufrimos en máis dunha ocasión, apertadas contra os valados para non ser atropeladas, incluso, enfrontamentos verbais pola súa conduta destrutiva.

Hai suficientes estradas polas que circular e non precisamos desas exhibicións sen sentido, con ruídos atronadores e gases contaminantes cheos de metais pesados que quedan depositados nas herbas que os coellos e outros pequenos animais comen. Estamos cansos de ver como sábados e domingos, eses motorizados "geiperman", rompen o silencio e perturban a paz dos nosos pequenos núcleos de poboación rural e dos nosos recunchos naturais máis íntimos.

Xa está ben de campar polas nosas cavadas particulares e polos montes comunais. Veñan, se queren gozar da natureza, ás xornadas que se convocan de voluntariado a traballar por mellorar o entorno, pero non veñan a modificar os nosos costumes, abrir novos camiños nin destruír o que tanto tempo levou compoñer. Sinto sinceramente que se empreguen detestables trebellos como medida disuasoria. Non é de mente san atentar contra a integridade das persoas, pero tampouco é lexítimo invadir a "casa" de miles de seres vivos que son espantados cada fin de semana por grupos que só buscan aventuras irracionais. O SEPRONA coñece o malestar veciñal por esas carreiras que se levan a cabo libremente e sen control polos nosos montes, dende hai bastante tempo. Polo beneficio que supón para todos, poñamos remedio, con sentidiño, antes de que ocorra unha desgraza.