Recoñezo que España sempre me reverque. O vello discurso do novo Rei non ten nada de novidade, como era de agardar. Porén semella o discurso dun rei republicano defensor dunha república federal a non ser porque a realidade, en España, nunca tivo ningún punto de vincallo cos discursos. Resulta que Felipe VI ten unha idea da historia ao Disney. Seica en España conviviron historicamente tradicións e culturas diversas coas que de continuo se arrequeceron os seus povos. Eu debín de trabucarme de país porque estudei que a historia de España érguese sobre unha paisaxe de guerras e reinos en constante invasión sanguenta.

España, como tantos países, artellouse sobor dunha unidade homoxénea e uniformizadora. E así segue. Non sei que dirían os antigos reis de Aragón, Galiza...se escoitasen agora a Felipe falar de suma e interrelación e de concerto de linguas. Para sumar só se precisa a palabra, a igualdade e a tolerancia e como moito unha calculadora. E para interrelacionarse outro tanto. Os Reis Católicos non traían nin calculadora nin palabra, máis ben levaban exércitos con espadas e cruces. Ao fin a espada e a cruz son o mesmo símbolo. En canto ao concerto de linguas. Aquí somentes houbo concertos de música clásica e de colexios cruciais (non sei se de cruz ou de espada). Cicais o novo rei non coñece o anel da vergoña dos colexios para prohibir falar o galego. Cicais tampouco coñece a castración e doma do reino da Galiza. Cicais esquece que a lingua non só é a vía natural de acceso ao coñecemento dun pobo senón a propia ialma dese povo. Por iso a política uniformizadora que se segue a practicar contra as chamadas demais linguas pode terse por unha política desalmada en sentido estricto. Apoiar o trono en senlleiros republicanos de cada nazón á que non se tolera como tal (Machado, Espriu, Aresti e Castelao) non vai redimir un discurso caduco, continuista.

O esquecemento das víctimas do franquismo completa a agresión, alomenos á metade da povoación. Non vale de nada engadir despois o de cabemos todos, as distintas formas de se sentir español. E os que non nos sentimos españois? Non cabemos? Non temos dereitos? Castelao morreu no exilio por defender a democracia dunha república federal. Se non fora por el, Bóveda...e un longo cemiterio republicano acalado non teriamos xiquera estes minguados dereitos sobre o papel nin estas linguas esmorecentes coas que nos permiten celebrar un día de letras ao ano.

A min a coroación de Felipe VI tráeme á mente aquela fábula chinesa medieval que se titula O tallo baixo dabondo: na residencia de certo parvo había un tallo; éste era baixo dabondo, e cada vez que o home quería usalo, víase na obriga de montalo sobre tixolos. Aborrecido desta complicada manobra, pensou cómo solucionar o problema, e un bo día tivo unha súpeta inspiración, chamou ao criado e pediulle que subira o tallo ao primeiro andar. Entón, ao sentar no tallo decatouse de que era tan baixo coma no andar inferior. -"E así din que é máis alto este andar!", dixo. "Pois eu non o atopo así!", añadiu. Supoño que o novo Rei seguirá a sentar nese tallo. Por iso non vai mudar a política porque o faga nun rañaceos.