A Illa de Ons é un doce que, incriblemente, ningún historiador quixo aproveitar. Ons ten unha interesantísima historia que durme nos arquivos e hai que espertala. Esta Illa debe ser o único punto de Galicia sobre a que ninguén pescudou sobre a súa historia, pola contra outras zonas, quizais sen tanta importancia, reciben axudas, becas, subvencións,..., para estudialas unha e mil veces.

Un punto importante da historia recente da Illa de Ons, é que aínda está vixente por mor do litixio que levan coa Administración, é a familia Riobó, os últimos "donos" de Ons dende 1919 ata 1945 (ou 2011).

Moi poucos datos hai sobre Manuel Riobó e Didio Riobó. Hainos illados da compra que Manuel Riobó fixo xunto a Marcial Bernadal. Da montaxe dunha Sociedade Limitada dedicada á compra e comercialización de polbo e congro. De pequenos detalles, aínda que moi importantes, sacados á luz por Johan Carballeira no xornal "El Pueblo Gallego" sobre as problemáticas que tiña Didio Riobó cos veciños e como, sen embargo, avogou por eles ante o goberno Republicano para que conseguiran a propiedade das terras que traballaban en arrendo. Interesante indagar nos seus ideais que lle levaron, no 1936, a ser perseguido e que trouxo a traxedia do seu aforcamento na propia Illa... e moitos asuntos máis a pescudar das case dúas décadas que esta familia estivo como "propietaria" dunha das illas máis importantes da costa peninsular.

Hai dous anos, unha nova asociación cultural dirixida por unha neta de Manuel Riobó, Margarita Riobó Serván, programaron unhas charlas sobre Ons en Cela. Ela mesma, naquelas conferencias, falou sobre o seu avó, Manuel Riobó, e este ano 2010, sacaron á luz un pequeno libro sobre aqueles actos. Grazas a ela puidemos coñecer algo sobre a persoa do seu avó, pero, sen embargo, moi poucos datos deu da súa vida en Ons, como se desenrolaba a súa actividade na Illa, como era a súa relación cos veciños... De Didio, pouco se falou, sen embargo, foi un persoeiro importante dentro da Ons contemporánea e do que, aínda hoxe, non coñecemos nada.

Dende estas liñas animo aos historiadores a pescudar sobre a vida da familia Riobó, na súa vinculación coa Illa de Ons, e que a asociación que dirixe a súa neta, que polas súas actividades parece ter un bo potencial económico, patrocinen ou busquen patrocinador para esta interesante angueira familiar e da historia de Ons en xeral.