Estamos en festas. Tui, como é tradición, mantén unha serie de costumes e ritos propios dos festexos que corresponden á honra do noso patrono San Telmo. Por desgraza algún destes costumes seguen a ser os ruidos, xa que semella que as protestas dos veciños nos últimos anos non fan muda-la opinión dos responsables das festas, confundindo e confundíndose ao pensar que ruido é igual a diversión. Non. O ruido pode ser unha manifestación da ledicia dos participantes nos festexos e as súas atraccións, e polo tanto unha consecuencia desta ledicia festeira. Pero na nosa cidade non atopamos tal fenómeno. O ruido non ben derivado dos risos, gargalladas ou ouveos máis ou menos involuntarios producto da inxesta etílica ou das ganas de esmorga da xente. O ruido ben da curiosa técnica de chamar a atención das xentes, asistentes ou non, para os espectáculos e diversións propostos nas festas, nunha loita acústica in crescendo para conseguir atraer clientes e curiosos. Desde o punto de vista da lóxica empregar altos niveis de barullo e música estridente para atraer posibles compradores pode ser contraproducente para o negocio, e aínda máis, un efecto nocivo para os veciños que piden o dereito ao descanso, xa que a diversión de uns non ten porque ser a costa da saúde dos outros.

Pero se os veciños das zonas novas de Tui, afectados polo barullento son das festas desde hai anos, padecen con paciencia os insufribles ruidos das festas sen que se resolva dun xeito simple o problema, isto é, adaptar o sonido a unhas condicións satisfactorias, ¿por qué a nova pericia de amolar ao vecindario das nosas rúas con pachangas de madrugada? Isto foi o que pasou ás tres da madrugada do 18 de abril, paseando a devandita pachanga polas rúas do casco vello e tocando durante media hora na praza de Frómista. Despertou a todo a vecindario sen que existise unha explicación lóxica (¿amolar por amolar?). A resposta concedida polo organizador das festas foi simple, en resume “se os das rúas novas soportaban os ruidos das festas, os das rúas vellas que tamén apandasen”.

A gratuidade do insulto á intelixencia de veciños de Tui resulta abraiante, e o impresentable do organizador das festas debería disculparse perante os veciños amolados polo estrondo da devandita pachanga e aos veciños que soportan estoicamente os ruidos das festas cada ano, porque actitudes como esa só manifestan o desprezo aos dereitos da xente.