Estes días publicou unha carta unha señora dunha asociación autodenominada “Vigueses por la libertad” protestando de novo pola “imposición del gallego”. Escribía a conto da entrevista publicada neste venerable rotativo a Manuel Rivas, escritor por certo traducido a varias linguas europeas, tamén ao español, entorno lingüístico no que é lido e respectado.

Vou seguir o razoamento de Castelao (“¿deixaríases demoler a catedral de Santiago de Compostela?”) eu pregúntolle a estes “vigueses por la libertad”: ¿parécevos ben a destrución sistemática da riqueza urbanística de Vigo feita en nome da liberdade e o progreso, durante o periodo do desarrollismo”?

Hoxe en día todos os vigueses nos laiamos da barbarie que a xeración anterior a nós consentiu, que empobreceu a nosa cidade tanto, dándolle unha fisionomía máis “universal” e “para andar polo mundo” a gusto de turistas de pouco gusto tal vez.

Nesta nosa cidade xa estamos curados en saúde dos argumentos baratos e demagóxicos para destruir o noso patrimonio e tradicións. E somos maioría os vigueses galegofalantes e hispanofalantes que amamos o galego como a nosa maior riqueza e demandamos protección real, e non só retórica para el. Polo tanto eses “vigueses por la libertad” non son nin a maioría de Vigo, nin os que aman de certo a liberdade.