Os responsables do Parque Nacional,así como tamén os políticos municipais dos concellos que entran dentro do Parque, teñen que velar polo patrimonio deste. O Parque Nacional non é só unha declaración de intencións, nin tampouco un grupo, pequeno ou grande, de animaliños e plantiñas, tamén están as persoas que ao longo dos anos crearon comunidades únicas cunha cultura popular extraordinaria; estas illas teñen unha interesante historia que hai que desempolvar dos arquivos,investigala e dala a coñecer; hai un patrimonio arqueolóxico, terrestre e mariño que hai que sacar á luz para estudalo,preservalo e protexelo; e un longo etc. Nos últimos anos, “pecios” (barcos afundidos) que moitos xa coñeciamos, pero que calabamos precisamente para evitar o seu espolio, agora están sendo “espoliados” de xeito oficial e non para evitar perigos, porque se iso fora así, arranxado o problema, deberían, polo menos, volver eses materiais ao seu lugar de orixe (diferentes museos do Parque Nacional). Vou ao caso do Patrulleiro Barsac, que leva afundido nas proximidades da Illa de Onza dende 1940, e onde descubriron recentemente proxectís e diferente munición. É normal que os responsables do Parque deran aviso ás autoridades debido a que o achado era de material que podería ocasionar algún problema grave no caso de ser manipulado no fondo ou izado por algún aparello de pesca. Pode ser que, aínda despois de 68 anos entre 10 e 20 metros de profundidade, algún dos proxectís podería estar activo. A actuación foi a correcta.Sabemos que a Armada ten magníficos profesionais que saben manipular estes materiais, pero é absurdo que despois de izados, trasladados, estudados e, se a algún lle facía falla, desactivalo,os teñan que destruír. Ese material, xa inservible, é sen embargo parte do patrimonio arqueolóxico mariño do Parque Nacional e a el debería volver, pois serviría como elemento divulgativo e didáctico sobre a historia das Illas do Parque e, en concreto, da Illa de Ons. Quero dende esta carta,pedir á Armada que non destrúa ese material arqueolóxico e que o poña nas mans dos responsables do Parque para que éstes podan mostralo nos diferentes museos, aulas da natureza, centros de interpretación... que, esperemos, se monten en todas as Illas do Parque e na súa sede central. Sería fascinante que os visitantes, escolares... que cheguen a Ons podan admirar, na aulamuseo da natureza entre outras cousas, a historia do Barsac, fotos do “pecio”, materiais atopados... e así crear un interese cara á nosa riqueza arqueolóxica que redundará no seu estudo, mantemento, defensa e protección.