O sábado 15 de novembro acudín á Escola Oficial de Idiomas de Vigo para realizar as probas do Celga 4. Xa na entrada constatei que a maioría eramos corentóns-onas e cincuentóns- onas, aqueles que tivemos a desgraza de non recibir a formación en galego, pero que sempre o falamos, respectamos e que agora debemos acreditar mediante un certificado. En contra do que me contaran acerca do exame e da opinión doutros-as compañeirosas, persoalmente, non me resultou moi difícil a proba e o tempo chegoume dabondo. Porén, pareceume inxusto a imposición de 400 palabras nas probas escritas, falamos de cantidade ou calidade? Mais,a pesar da presión que iso conleva, pois fixeron moito fincapé para que o tiveramos en conta,aínda o podía tolerar.O peor de todo é cando te atopas que non tes espazo suficiente para escribir as palabras restantes e sentes impotencia ante a imposibilidade de recibir outra folla.Polo tanto, pido a quen lle corresponda que na próxima convocatoria teñan en consideración a caligrafía de cadaquén, nos incrementen uns céntimos as taxas e coloquen outro folio en cada unha das probas escritas. Exposta a miña petición, e amparándome na igualdade de dereitos e deberes, que “segundo a lei nos corresponde”, quero exteriorizar o meu desexo solidario: que todos os políticos, antes de formar as candidaturas para as próximas eleccións autonómicas, se sometan ó mesmo tipo de avaliación e demostren que están á altura das circunstancias para ocupar un cargo público. Non se emperrenchen comigo, pero preciso utilizar a retranca que tanto nos caracteriza, ja, ja, ja... cantas cadeiras ían quedar baleiras! Fai un par de semanas o dicionario da nosa lingua converteuse na miña mascota e cantas veces me confundiron, tendo que recorrer ó mesmo para asegurarme de que as palabras pronunciadas no Parlamento, TVG... non eran as correctas. Remato compartindo parte dos meus coñecementos recentemente adquiridos.Tomen boa nota e lembren: cando se desorienten, utilicen o compás; se teñen que facer un buraco na parede vaian buscar o trade; para facer lume usen as garabatas; vai frío, coidado coas frieiras; almorcen ben e non fagan xaxún; non fagan moitos esforzos físicos, non vaia ser que collan maniotas; non teñan as lámpadas acesas, hai crise; se posúen ferro de pasar, non se deiten nas sabas engurradas; esperten cedo, non sexan nugalláns que a vida é moi dura .En fin, que non nos esbouren as tempas.