Acabo de le-lo Informe Anual 2008 de ONG Amnistía Internacional, que analiza a situación mundial de dereitos humanos. Gustaríame compartir unhas reflexións cos seus lectores.

A pouco máis dun mes para comeza-los Xogos Olímpicos en Pekín, séguense acontecendo os atropelos contra os Dereitos Humanos. Así, en vez de se converter nunha oportunidade de amosar ó mundo os avances nese campo, China segue sendo o campeón mundial da pena de morte con oito mil execucións anuais, encarcela ata catro anos en campos de reeducación ós disidentes e controla ós millóns de usuarios de Internet con máis de corenta mil policías.

Os países occidentais ollan para outro lado nun asunto tan grave como o dos voos con presos con destino a cárceres segredas da CIA.

Rusia non tolera a disidencia e Estados Unidos segue debilitando a prohibición absoluta a tortura e outros malos tratos na súa "guerra contra o terror". Oxalá que os novos mandatarios neses países cambien o rumbo.

Amnistía denuncia tamén a violación dos dereitos máis básicos dos inmigrantes que chegan a España e destaca as denuncias por torturas e malos tratos policiais, práctica desgraciadamente extendida e constante en todo o país.

Este ano celébrase o 60º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Debería se-lo texto básico no que se inspirasen as políticas públicas, en aras de aumenta-la xustiza e igualdade social. Sen embargo fai unhas semanas observamos con estupor o clamoroso fracaso da cumbre da FAO contra a fame.

Por todo o anterior, considero necesaria unha reacción inmediata da cidadanía para espolear aos gobernos e empresas para que se impliquen sen excusas no desenvolvemento sostible e equitativo.