En resposta a un escrito nesta mesma sección de dona Rita Garrido Castromán con data 25/06/2008, titulado "Me siento aludida", porque me parecen inexactas e inxustas as súas verbas.

Eu son Xermán Torres, un mestre de Vilagarcía, que coñezo e respecto a algúns dos seus irmáns, que aínda residen aquí. E aprecio moi positivamente, polo que me transmitiron, a bondade e o labor como mestre e director do recordado Colexio León XIII de Vilagarcía do seu finado pai, don Xesús Garrido Álvarez.

Dubido moito que dona Rita teña lido o libro, que menciona no seu escrito, o libro do meu amigo e profesor, o Dr. D. Anxo Serafín Porto Ucha, titulado: "Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo e subtitulado (é importante): Primeiras accións represivas e estudo por concellos no sur da provincia (1936-1942)". Porque nel non se fala do seu pai, como ela indicaba, tan só se menciona nun listado, extraído das informacións que figuran nos Boletíns Oficiais da Provincia de Pontevedra do 1 e 11 de setembro de 1936, nos que se amosa que o seu pai foi un mestre depurado naquelas datas, tristes datas, por orde do naquel tempo gobernador civil, Ricardo Macarrón.

Dese libro, encargueime eu de organizar o acto de presentación no Auditorio Municipal de Vilagarcía, sen ningún afán de facer "política con los muertos", isto paréceme absolutamente fóra de todo lugar, e non consinto baixo ningún concepto que dona Rita se refira neses termos a dito acto, que só tivo un carácter cultural e académico, ao que prestou toda a súa colaboración desinteresada o señor D. Xosé Castro Ratón, Concelleiro de Cultura, e no que participaron o autor, un representante do editor, dona Pilar Garrido Castromán, o concelleiro citado, como anfitrión, eu mesmo como organizador. Asistiu numeroso público de distintas cores políticas e xentes sen coñecida afiliación política, eso era o de menos, eso non importaba. Descoñezo as motivacións e intencións últimas das palabras de dona Rita, membros da súa ilustre familia sabían do acto e asistiron. O que non pode un historiador para facer Historia, é pedirlle permiso a tódolos familiares dos personaxes historiados para poder desenvolver o seu traballo, sería un tanto absurdo. Na nosa intención non estaba, nin foi o caso, de facer política nin de non "deixar descansar en paz" a ninguén. Insisto foi un acto de homenaxe, de afecto polos mestres e mestras depurados. Aínda que non o acepte, dona Rita, a Historia foi como foi, e o historiador investiga e fai a súa interpretación dos feitos.

Non teño o pracer de coñecela, pero non teña dúbidas de que o Dr. Porto Ucha e eu mesmo sabemos da valía do seu pai, e o mencionalo xunta a outros compañeiros/as foi para renderlle tributo e para que as novas xeracións coñezan a traxectoria dos vellos mestres.

Eu si me sinto aludido e doído pola súa ignorancia sobre o citado libro e pola súa reacción de dubidosa honradez, e alédome porque sexa "demócrata de corazón" para non impedir nin manchar o labor de investigación histórica de traballadores honestos e valiosos, como penso que é o meu querido profesor, D. Anxo Serafín Porto Ucha.