Pensei neste refrán despois de asistir á festa coa que o concello celebrou o "Premio Nacional da Cultura Galega" na modalidade de patrimonio. Acto conmemorativo e festa polas rúas da cidade. Queremos a esta cidade e alegrámonos cos seus éxitos. Parabéns á organización.

Música exquisita do Seminario de Jazz, de mozos percusionistas e músicos de vento da Banda Municipal... Só se valora cando se coñece, así vimos nenas e nenos ximnastas do club Treboada e un grupo de break dance... un gozo! O futuro en movemento, o entusiasmo da xuventude... como un amuleto. E unha curta, elegante e reivindicativa intervención da Aula Municipal de Teatro sobre "cheiros".

Houbo videos fermosísimos da imaxe da cidade por iso o membro do xurado que asistiu ao acto, despois dunha exquisita exposición política sobre o concepto de cidade dixo que se o xurado vise estes videos de seguro que non daba un senón máis premios.

Música que acompañou intervencións de persoas que participaron na transformación da cidade desde o ano 1999. Arquitecto, arqueólogo, representantes veciñais, zona monumental, comité aberto da Feira Franca, asociacións con dificultade de mobilidade, presidente da cámara de comercio... foron falando e desde o público fomos escoitando que... A cidade estaba aí e só había que descubrila, e vivila; respecto polos achádegos, labor de diálogo co pasado e de como iso é recurso económico... a importancia da reforma do soterrado, das infraestructuras; o diferente xeito de vivir das persoas con dificultades de mobilidade, de como a cidade cambiou facilitando vida; o estar aí dos veciños apoiando e demandando melloras para a cidadanía; o valor auténtico da Feira Franca esa celebración na que a cidadanía toma Pontevedra para integrarse e divertirse; do pulo recibido polo Centro Histórico utopía coa que soñaran os comerciantes do lugar hai moitos anos, e que hoxe é unha realidade...

Música e palabras evidentes e doces que se sucederon coma quen vai por un camiño de rosas nun presente de premio que fai esquecer, afortunadamente, as espiñas que houbo que ir sorteando de enfrontamentos veciñais e de desacreditación de técnicos e políticos responsabeis, chegando incluso á desacreditación no plano persoal. Por iso resultoume moi gratificante asistir en directo ás felicitacións dadas a Cesar Mosquera desde distintos ámbitos mesmo desde quen o desacreditara non había tanto tempo.

As feitas son as que valen. Por iso está ben a recepción deste premio. Que se valore desde fóra todo o que se fixo de ben pola cidade por potenciala, por realzala, por facilitarlle a vida á súa cidadanía... debe enchernos de orgullo; e aínda que os cidadáns temos moito que ver no premio, ben dixo o señor Alcalde: "É un premio de todos", os políticos que eliximos tamén teñen moito que ver. Parabéns Pontevedra!