Cando os mariñeiros falamos a bordo sobre quilos de peixe e prezo na venta, facemos cábalas sobre cantidades e ganancias, vendo tristemente como o noso esforzo se atopa nas mans de cada vez menos persoas ou empresas, co cal esto se achega perigosamente a un cartel empresarial que bota por terra os nosos números e as esperanzas de facer da pesca algo economicamente rendible e atractivo.

Pero ao fin das conversacións, sempre chegamos a un punto morto no cal os fraudes do munxe pola robaliza, coma do gato pola lebre, xorden ineludiblemente. Ou o que teoricamente se definiría pola importancia de contar cun saber que nos permita diferenciar as especies e a súa calidade para evitar caer en pseudotimos que nos arruínan a armadores, mariñeiros e comerciantes.

Ata fai unha semana os posibles fraudes na venta de peixe mal etiquetado, deficientemente tratado ou incorrectamente nomeado eran comas as meigas, que todo o mundo fala da súa existencia pero ninguén as veu. Pero "habelas, hailas" tal é como comprobamos unha morea de xente do sector, persoas que distinguen mesmo a merluza capturada en Escocia da que pescamos no Gran Sol.

Así, vimos peixe desconxelado do que se advertía a súa procedencia con letras ínfimas, ilexibles para a práctica totalidade dos presentes. Tamén tiñamos ante nós unha merluza de Boston anunciada simplemente coma merluza, sen que o consumidor puidera advertir que aquel peixe non era a auténtica merluccius merluccius, a que vén de Ortegal, de Peñas ou do Gran Sol. Para máis inri, esta pescada non cumpría os tamaños mínimos establecidos para a súa captura en España, facendo un dumping ecolóxico difícil de soster. E para rematar a faena, tamén se abría no abano de posibilidades a adquisición de peixe que faría botarse para atrás a calquera veterinario que inspecciona diariamente os productos expostos nas nosas lonxas.

Pero para ver todo isto non tivemos que percorrer España. Nin sequera Galicia, nin saímos da Mariña. Nunha tarde e percorrendo tres grandes áreas mariñanas observamos todas estas neglixencias que tanto dano fan ao mercado do peixe nacional e que atentan directamente contra a dignidade do esforzo dos nosos mariñeiros. E preguntaranse vostedes que como se permite eso: moi fácil, digamos que os propios inspectores descoñecen ou non son suficientemente formados na diferenciación das especies, das súas características e calidades, acreditando así unha escasa capacidade para constatar e denunciar a existencia destes enganos comerciais.

Mais esta situación é substancialmente diferente nas nosas lonxas. Inspeccións a tutiplén, máis controis que nun aeroporto. Da Unión Europea, do Ministerio, da Xunta, da Garda Civil. Non estamos en contra deles nin pedimos que se reduzan os nosos, máis parece razoable que se impoñan os mesmos controis de calidade e garantía hixiénico-sanitaria a todos os productos que chegan ao noso país.

Esta será a mellor arma contra fraudes e competencia desleal, amén de ser o mellor camiño contra as ameazas que o noso peixe ten. Si é así, comezaremos a ver luz o final do túnel no que estamos sumidos, senón, que Deus nos pille confesados.