No Val Miñor tivemos mala sorte cos políticos dende que existe esta xeira democrática. Acuden ás eleccións e participan nos gobernos para servirse e servir aos seus amigos. Unha profesión bonita, honesta, de entrega aos cidadáns, aquí está pervertida. "Pasan" dos cidadáns, andan ao seu.

En Gondomar os gobernos da dereita trouxeron atraso, corrupción e inutilidade absoluta. Chegou un ano electoral de esperanza. Votou con responsabilidade a maioría, e pediu nas urnas cambio. O goberno de progreso do PSOE e BNG era de caixón. Eu estaba a favor, expreseino publicamente e moitos outros veciños pola rúa; para que a vila de Gondomar saíse deste "cortello" no que nos metera a dereita.

Había esperanza que BNG e PSOE concordasen o mandato que lle deron os cidadáns. O BNG conformou un goberno traballador, audaz, intelixente. Só nun ano, con precariedade económica e humana, deron un estilo novo de honestidade. Aí os logros: gardería, polígono da Pasaxe, centro de saúde, paseo fluvial en marcha, parques infantís, días das letras con

inauguracións culturais, actos, oficina de benestar e igualdade, saneamentos, punto limpo, reforma do colexio público, desbloqueo urbanístico, respecto e non "utilización" dos funcionarios...

Fixeron un esforzo enorme por chegar a un pacto co PSOE. As ofertas moi xenerosas a este grupo recibiron NON por resposta. 1º por un despacho, despois porque non daban bastante, por último: "Non nos chaman" (sic.) segundo absurda nota de prensa do PSOE. Por que os ían chamar se nas mesas de negociación non plantexaban o que querían? A verdade: non querían nada, só dicir NON. O PSOE nunca plantexou nada para a Vila, só soldos, despachos, liberados... para eles. Nada para o pobo. Ei-lo interés deste partido: servirse da política para si, nunca servir aos veciños.

A verdade terca pon a cada quen no seu lugar. Por moitas mentiras que invente, O PSOE nos plenos non apoia nada para Gondomar, só dano. A táctica é facer oposición destrutiva para demostrar que o BNG non serve. Identificado coa extrema dereita corrupta, coa que se entende perfectamente, di: "isto non funciona" e a "queimar" a quen traballa ben pola vila. Concorda en todo cun Señor Silva, baixo a man da xustiza. No anterior goberno colléronse in fraganti dous concelleiros por corrupción, o ex alcalde di non saber dos chanchullos urbanísticos. Mais el mesmo e outros están implicados en ilegalidades nas licencias de obra.

O PSOE non pacta co BNG, mais coincide co PP nas votacións dos plenos, acorda a táctica do desgaste perxudicando aos veciños. A razón é simple: táctica de irresponsabeis: facer a puñeta ao BNG e perxudicar a Gondomar.

Por iso o PSOE vota NON a todo coa extrema dereita: non aos plenos pola tarde, non a gardería infantil, non ao pago de facturas, non as solucións legais en urbanismo, non a entrar en debate nun pleno ateigado de xente a prol do urbanismo... o Non polo Non.

Non pode haber socialismo sen socialistas. Zapatero prestoulle a marca, coma unha franquicia, a irreponsabeis acordes coa extrema dereita; coinciden en todo. Nada coa democracia e o socialismo. Por eles o pobo de Gondomar págao caro a pesar do esforzo dun bo goberno ao que non lle deixan gobernar. Eu estaba por un pacto de progreso a favor da vila, agora vista a actitude e vagancia política desta franquicia de non-socialistas, estou en contra dese pacto. Con este PSOE é mellor non gobernar, son quizais peor que a extrema dereita, coa que tan ben se entenden; Impresentables.