Anos atrás, nun pabellón repleto de xente, pidíalle ZP o seu voto ós vigueses. Naquela ocasión, presente Pérez Touriño (que tamén fixo unha promesa, ata agora incumplida), pronunciouse unha frase memorable: "Esta ciudad ha sido muy maltratada en el pasado". Recentemente, nun deses "roces" ós que nos teñen tan afeitos os dous partidos maioritarios, o Presidente de tódolos galegos abondaba na mesma opinión, referíndose a Vigo como a cidade "persistentemente discriminada". A realidade discriminatoria é, pois, evidente e recoñecida por ámbolos dous presidentes.Cal é a razón para que unha cidade da importancia de Vigo, laboriosa, exemplar en certos aspectos, líder en eidos como pesca, automoción ou naval (tamén en poboación), sexa mantida orfa de servizos básicos para o seu desenvolvemento? Como é posible que unha e outra vez o descaro da Administración Central (coa anuencia ou pasividade da Autonómica) chegue á insolencia de negarlle á cidade olívica o que por partida doble a outras outorga?

Só dende a existencia dun caciquismo rampante, fortemente instalado no seo das dúas Administracións, onde certos persoeiros ou grupos corporativos (mediáticos, financeiros, políticos...) inflúan nas decisións que se toman, intercambien favores, esixindo a cambio prebendas e privilexios, sexa posible atopar respostas a tantos anos de abandono e ostracismo.

Ceñíndonos ó tema que nos ocupa, na Galicia do Norte existe unha Facultade de Medicina que non da máis de si, e que, inclusive aumentando o número de plazas (por protestas recentes), non soluciona a problemática de moitos estudiantes do Sur de Galicia, con maioría na área metropolitana viguesa e do norte de Portugal (Rexión Europea) deficitaria en galenos, que non teñen a posibilidade de incorporarse a unha carreira con forte demanda.

Precísase unha 2ª Facultade de Medicina. As explicacións, nada convincentes, que espallan dende Compostela os seus dirixentes, responden á pretensión de seguir mantendo a situación de monopolio actual. Neste tema coma noutros (lémbrase do aeroporto "de referencia"?), trátase de non soltar parcelas de poder e de privilexio, en prexuízo doutras áreas prioritarias que están desatendidas.

Dende o primeiro momento da súa andadura, a Universidade de Vigo ven reclamando por activa e por pasiva, a ampliación e melloramento das súas infraestruturas académicas coa solicitude desta nova facultade.

Imponse unha descentralización que permita ofrecer igualdade de oportunidades ós habitantes desta área de gran potencial demográfico. As becas non solucionan o problema. O éxito do alumnado está asegurado e permitiría pechar o ciclo completo das Ciencias da Saúde. Os centros hospitalarios existentes, e o proxectado, darían cobertura dabondo á formación práctica dos futuros profesionais.

Xa van sendo horas de que a primeira cidade de Galicia deixe de ser a cenicienta en materia de dotacións e reciba o trato que en xustiza merece pola súa importancia no contexto xeral do país e na creación de riqueza. Obras son amores... Non cabe dúbida de que alá polo Norte rebordan de... amor.