A concienciación sobre a importancia de evitar os accidentes laborais é un traballo no que temos que implicarnos todos. Un dos métodos que mellor impacto pode ter sobre as persoas é a prensa, tal e como se vén facendo cos accidentes de tráfico. Por iso o motivo da miña carta, para dar o meu agradecemento a todos os medios de comunicación cando se fan eco de cada un dos accidentes graves ou mortais, ou dos incidentes que non teñen consecuencias para as persoas.

Así temos informacións como: "Ferido un home en Mos tras ser atropelado por unha máquina na fábrica na que traballaba", podendo constatar dentro da propia noticia, o centro no que traballa, o seu enderezo, e un pequeno informe de cómo se sucederon os feitos.

Atopamos noticias como "Un xoven, de 20 anos de idade sufriu un accidente laboral nunha fábrica de Seixalvo (Ourense)", dando incluso as iniciais do seu nome.

Ou a información de "Un ferido grave tras quedar atrapado pola grúa dun barco bateeiro en Tragove".

Temos noticias de que "Tres obreiros sobreviven ó caer da estada na que traballaban nun segundo piso en Príncipe"

De verdade que creo que isto é un bo método para facer chegar a todos a importancia da prevención dos accidentes laborais. Que a realización do traballo non ten por que implicar facelo en risco. Que as persoas temos que rematar a nosa vida laboral nas mellores condicións físicas e psíquicas posibles, que as nosas carencias sexan polo proceso natural da idade, non pola realización do traballo.

Se puidéramos chegar a facer campañas agresivas de concienciación, tal e como se fan nos accidentes de tráfico, seguro que conseguiríamos saír deses postos de cabeza en accidentes laborais. Por que non poderíamos ter uns medios de información que nos recordaran os sectores e as empresas que peor prevención fan, aqueles que máis accidentes teñen?, ou sexa os puntos negros.

En toda esta reflexión só me queda unha pregunta que non son quen de responder. Por qué nas informacións que nos chegan nunca aparecen os accidentes graves que ocorren nas grandes empresas?, é que estas grandes empresas están libres de accidentes graves como o da nave de Mos?

Eu sei que nos grandes estaleiros, nas grandes áreas comerciais, na fábrica de coches, nos traballos do porto, ocorren accidentes graves. Mais nunca aparecen na prensa. É unha mágoa por que este sería un bo método para facer chegar a todos a necesidade de traballar con seguridade.