O pasado febreiro, preto de 300 veterinarios da Xunta secundamos a concentración convocada en Santiago polos sindicatos CC OO, UGT, CSIF e CIG para reivindicar unha mesa única de negociación que resolva os graves agravios que vimos padecendo este colectivo.

A inoperancia e falta de interese da Xunta por arranxar unha situación herdada que xa se prolonga demasiado, imposibilita a necesaria actualización no control da seguridade alimentaria, a saúde pública e a sanidade ambiental de Galicia.

A Escala de Veterinarios da Xunta precisa unha reorganización global que garanta condicións de traballo dignas e acordes coa responsabilidade do noso labor.

As consellerías de Medio Rural, Sanidade, Pesca e Medio Ambiente, ás que estamos adscritos, son incapaces de resolver unha problemática que debería ser corrixida cunha acción coordinada por Función Pública.

Así, acontece que temos que desenvolver o noso labor constreñidos por unhas RPTs obsoletas e coas que non estamos en absoluto de acordo.

Demandamos un decreto claro de funcións para cada posto de traballo que evite arbitrariedade na asignación de niveis e responsabilidades.

Esiximos a non marxinación do labor veterinario: en consellerías como Medio Ambiente, subcontratan servizos con clínicas privadas e abusan de asistencias técnicas.

Reivindicamos a remodelación das RPTs das consellerías onde desenvolvemos o noso labor e a solución definitiva á problemática arrastrada desde as últimas oposicións sen que ningún profesional saia prexudicado. Así llo queren facer ver os Sindicatos á Administración co noso total apoio.

A preocupación mostrada en 2001 por todos os grupos políticos no Parlamento de Galicia, tras a presentación polo BNG dunha Proposición non de Lei sobre a Mellora dos Servizos Sanitarios, non se reflectiu nestes anos en ningunha medida.

Tanta desidia e inoperancia debe rematar e dar paso a unha acción responsable do Goberno, xa que o problema afecta a cinco consellerías.

Cómpre poñer fin a esta grave situación, que desmoraliza ó persoal veterinario da Xunta e pode comprometer algo tan importante como o control sanitario do proceso produtivo: a cacarexada frase "da corte e o mar ata a mesa".