En resposta á carta asinada por Ramón Portela Alonso, Arcipreste de Coia-Polígono, queremos dicir que entendemos que non participe de moitas das opinións que compartimos cristiáns de toda España asistentes a este Congreso do Colectivo Verapaz "Cristiáns, entre crise e esperanza". Pero saiba que xusto antes de ler a súa carta pública escoitamos de boca dun dos ponentes as seguintes palabras: "Antes de poner a la Iglesia en entredicho pensad que siempre es más lo que nos une que lo que nos separa". É por iso que nos sorprende o seu tono, nun momento no que pensamos que máis que condenas públicas da diversidade que nos enriquece como Igrexa precisamos facer exercicios dun diálogo aberto e integrador. Permítasenos humildemente citar a San Agustín cando reclama "no esencial unidade, na dúbida liberdade, e en todo caridade".

Non tema por nós: non andamos perdidos. Temos claro que andamos na procura da fidelidade á mensaxe de Xesús, aínda que o noso non sexa o camiño que vostede elixiría para si mesmo. Nesta era xa sabemos que non todos os camiños levan a Roma, pero moitos si.