Como acontece desde 1977, a comparsa Os de Sempre oficiará esta tarde o Enterro do Momo, que comezará sobre as sete da tarde coa concentración dos participantes nos arredores do cruceiro de Síngulis. A comitiva partirá desde o Eirado do Costal en dirección ao Concello para percorrer varias rúas do Casco Vello ata o Eirado do Sinal e cruzar desde alí o macropaso de peóns, que este ano é unha das referencias do Entroido tras converterse en estrela mediática.

Con este trazado, os promotores do evento pretenden "conseguir un desfile máis participativo" e piden ás persoas que queiran formar parte da comitiva que se acheguen "un pouco antes do comezo para unha correcta organización" que rematará coa queima do Momo en Ojea.