Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entroido 2019

Entroido ancestral do Grove (e II)

Unha Festa de Interese Turístico polos seus valores tradicionais intrínsecos

Recreación dunha máscara de Centulo. // Arquivo Sotaque Galego

Frei Martiño Sarmiento, na súa condición de erudito aclesiástico, trasládou nos seus escritos do opúsculo Meco Moro Agudo, e nas súas Coplas, algúns apuntamentos que terían visos de normalidade arredor dos anos de 1700; sen dúbida cabe supoñer unha moi longa tradición carnavalesca que acadaría a alta idade media.

Son os referidos á Vella do Grove e o entroido e corpus nas vilas de Pontevedra e O Grove. Tal muller así chamada, vestida con saio longo (côs) e mantelo botado por riba, e dotada dunha carauta feita dunha cuncha de centola, sairía cada ano no folión carnavaleiro. A Vella do Grove era a encargada de presidir o folión, desfile, ou procesión, coa encomenda de ser ela mesma a que lle dera morte ao Meco (símbolo das mulleres sexualmente agredidas, e do abuso de poder nas súas diferentes formas).

A representación que desfilaba tras ela incluía gaiteiros, nenos con chocas e carautas de centola pintadas e con furos nos ollos e na boca, os centulos, ou choqueiros.

É a de Sarmiento a referencia bibliográfica e documental máis antiga desta tradición grovense, e pontevedresa, con expansión noutras vilas, dá que temos noticia e da que podemos afirmar que ata a actualidade permanece na súa forma de "choqueiras e choqueiros" na celebración do entroido, se ben a carauta dos Centulos, converteuse nun pano branco pintado e atado na cara.

Os Centulos na tradición do entroido ancestral desta comarca son os elementos que simbolizan a chocallada, ou choqueirada, vingativa, aquela que lle devolve a honorabilidade á xente humillada, agredida, polos poderosos, polos abusos políticos, económicos e sexuais.

Esta figura, na súa representación en forma de máscara, ten vencellos con outras que teñen protagonismo, en forma de felos, peliqueiros, carautas ou pantallas, en terras de Maceda, Caldelas, Valdeorras, Monterrei ou Trives, máis tamén en lugares do norte portugués como Pudence, Lazarim ou Lamego, nas que a máscara e a choca preside e anuncia o folión dos choqueiros. Eles souberon conservala e promocionala, nós deixámola perder no tempo do esquecemento.

Da incuestionable procedencia grovense da carauta feita dunha cuncha de centola da fe a bioloxía mariña, xa que ese crustáceo é unha especie que aínda hoxe abunda nas capturas pesqueiras do Grove, sendo símbolo da vila e das súas celebracións como a Festa do Marisco, e sendo absolutamente allea ao mar de Pontevedra.

As coplas que reproducimos, recollidas en 1745 por Martiño Sarmiento, publicadas na súa obra Coloquio de galegos rústicos, dá conta da importancia cultural, da longa tradición que terma deste singular Entroido grovense e pontevedrés.

E nas foliadas / de tempos a tempos / a vella do Grove / con côs e mantelo / e con carantoña / facendo o fedello / botando pernadas / que matou ao Meco.

Tamén os Centulos, / con caras de demos, / morneando as chocas / e facendo medo.

Se todo se xunta / e fai um paseo / a vella do Grove , Centulos, choqueiros, / folions de noite, / cacholas dos nenos, / e mais cabalgada / cos doce gaiteiros.

Todo un folión presidido pola Vella do Grove, coa encomenda de faceren xustiza ao aldraxe do poderoso, nenos e choqueiros, Centulos e gaiteiros facendo, unha cabalgada nocturna morneando as chocas e facendo medo; a pintura que nos deixa o Padre Sarmiento é reveladora da longa tradición do noso entroido.

Resulta desacougante que entre as xentes do Grove desaparecesen do imaxinario colectivo esas dúas figuras tan importantes, no simbólico e na realidade, da celebración ancestral do entroido: a figura do Meco, que segue activa en moitos concellos do país; e o folión da Vella do Grove, as chocas e os Centulos con carauta feita da cuncha de centola; folións que lle dan carácter, personalidade e presenza internacional a vilas como Verín, Laza, Vilariño de Conso ou Maceda.

Estamos a tempo de sentármonos e deseñar estratexias de recuperación do entroido meco ancestral, a iso debe dedicarlle tempo e recursos a futura corporación local, se non queremos quedar restrinxidos a sermos clons de Cádiz ou Tenerife.

Polas razóns que vimos de expresar de xeito conciso, cremos que o patrimonio inmaterial que representa o Entroido do Grove, e a súa singular representación en forma de Comparsas e as súas Historias, xunto coa longa tradición deste e do seu simbolismo que reside na figura do Meco, entronizado ao comezo para ser finalmente eliminado en cada celebración festiva anual do entroido e as representacións de carautas e choqueiros, Centulos e a Vella do Grove, son merecedoras na nosa opinión do recoñecemento de Festa de Interese Turístico polos seus valores tradicionais intrínsecos, e pola dimensión cultural que se estende ata a Idade Media; sendo merecente ao tempo da maior das proteccións e consideracións para cumprimento do que ordena a vixente Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

Compartir el artículo

stats