O Entroido segue sacando ás rúas as ideas más disparatadas e sendo fiel á súa máxima de que todo vale. Grandes e pequenos non perden esta ocasión perfecta para divertirse meténdose no papel de aquilo que máis desexan o que cren que mellor poden desempeñar. Mostras disto puidéronse ver onte en Lalín, A Bandeira, Agolada ou Vila de Cruces, con actividades diferentes, pensadas en especial para os máis cativos, que estes días gozan fóra das aulas.

Saltar foi un dos plans perfectos dos más pequenos en Lalín, xa que a Carpa Mahou, instalada no Campo da Feira Vello, acolleu inchables de balde, unha opción espectacular, dado o tempo que fixo onte. Ademais, puideron desfrutar e aprender de distintos talleres relacionados con esta festividade: de maquillaxe facial de Entroido, de elaboración de máscaras ou de fotocol en familia, que esta sempre é unha boa idea para encher os álbums e poder recordar vellos tempos nun futuro, e máis neste caso, con instantáneas graciosas, e de seguro, cheas de cor. A música tamén quixo ter o seu protagonismo nesta xornada de Carnavais, que estivo amenizada polo dúo Habana Feeeling, que ofreceu un concerto de ritmos latinos e clases de bailes pensadas para todas as idades e gustos.

Tamén na Agolada os más pequenos desfrutaron dun Obradoiro Pirata a cargode Inma Galego e Alba Hermida, onde non faltaron os xogos tampouco. En Vila de Cruces, tamén tivo lugar un obradoiro lúdico de Entroido, que continuará mañá de 9:00 a 14:30 horas, que ten por obxetivo conciliar a vida familiar e laboral nestes días onde non hai clases. Ademais, onte houbo baile a cargo de Cristina Cachaldora.

E as máscaras tamén chegaron onte ao Centro Cultural Vista Alegre, de A Bandeira (Silleda), que albergou o espectáculo Globotolo de Barafunda Animación e ao remate, os asistentes puideron degustar unha merenda. Na festa púidose ver a unicornios, abellas, pallasos, vampiros, ou incluso, a Branca Neves, e por suposto, a ilusión, a maxia e as ganas de pasalo pipa non faltaron.