O pianista inglés James Rhodes vai pasar a fin de semana de Entroido en Galicia e o hotel no que se hospeda decidiu ofrecerlle unha inmersión inmediata na gastronomía galega típica destas datas. O músico, seareiro declarado da lingua, a comida e as paisaxes de Galicia, atopou onte ao chegar ao seu cuarto orellas, filloas e flores de Entroido. "Vostedes van facerme tan gordo", chiou Rhodes.

Vostedes van facerme tan gordo ?

Ustedes me harán tan gordo.

Que bonito regalo en mi habitación de hotel! pic.twitter.com/i2PR9avsBU

— James Rhodes (@JRhodesPianist) 28 de febrero de 2019

Horas despois publicou outra foto, esta vez dun prato de polbo con vexetais en tempura, e acompañouna cunha frase definitoria da idiosincrasia galega: "A comida é un asunto bastante serio aquí". Nótase que o pianista ten no actor galego Tamar Novas a un dos seus mellores amigos; sabe do que fala.

James Rhodes toca hoxe en Santiago de Compostela e mañá na Coruña, con entradas esgotadas para ambas actuacións. En Pontevedra estará o 19 de maio, mentres que por Vigo xa pasou, con grande éxito e repercusión, o pasado mes de xullo.