En Miami, moi lonxe das nosas aldeas, finou Dalia. Unha muller que nos fixo soñar na nosa adolescencia infeliz. Pensei que debería escribir de mulleres que encheron memoria en moitas aldeas, pobos e cidades. A lembranza de Dalia ca súa cabeleira ao ar, seus vestidos de colores desafiantes para época, súa liberdade nas pequenas cousas (que a nós parecíanos enormes), ensinaba outro xeito de vivir acotío. Aquí a adolescencia foinos roubada, maltratada e “tiñamos” ben aprendido que un pensamento a destempo podía levarnos ao lume eterno.

Ás veces nas redes sociais alguén escribe moi ben e fainos lembrar. Deste xeito, coñecín eu a Maite. Os primeiros días escribía de cando ía no autobús e pensei en Paco Umbral. El ía ao pan e no camiño atopaba historias que escribir. Ela no autobús. Os dous son para min un ollar das pequenas cousas e os dous ao escribilas fanas grandes desde o máis sinxelo. Os dous teñen unha retranca parecida. El pasou a vida ríndose de si mesmo pero amando aos demais, e ela está pasando pola vida con pouca saúde pero ollando interesada para o viaxeiro do autobús e ensinando que o mundo máis pequeno é enorme.

Maite Ugalde, vallecana, non odia pero lembra e di “nunca máis”. Nunca máis pode pasar nada parecido a aquel inmenso holocausto a aquelas malditas matanzas de homes, mulleres, nenos, nenas, a aqueles bombardeos como os que agora vemos en Ucraína.

Maite escribiu un poema inmenso que eu lin na Volta da Moura nun acto de memoria e do que copio parte.

“Hoxe estamos xuntos para lembrar non o que se perdeu senón o que foi/ Nun camiño común que enlaza cos corazóns duns homes bos e xustos/Que foron e que son un mar de vontades de xustiza e de paz…Pero queremos lembrar co corazón en paz/ E voltar á vida os feitos que foron vida/ O espírito e a forza de todos os que loitaron por un mundo máis xusto…Haberá flores e cánticos de irmáns/ Soarán músicas e poemas da alma/E o ar vibrará levando á alegría/ Pola herdade que eles nos deixaron/Polos seus desexos de liberdade, igualdade/ Fraternidade e amor”

Grazas Dalia, calquera poema pódese declamar pensando en ti. Andarás nas vellas corredoiras, como cando todo era escuro e ca túa melena ao ar eras un amor e un raio de sol. Contigo vaise tamén unha parte moi importante da nosa vida.

Era moi bonito saber que chegaras a Mosende e Ribadelouro. Eras liberdade pero infelizmente inimitable. Aquí a ditadura era militar e moi, pero moi, católica: militar e nacional católica .

O curioso é que esa relixión foi suprimindo xeitos de vivir sen dicir ao menos o porqué. ¿Ou soñan con volver ao precepto obrigatorio, aos primeiros venres de mes, a que os españois sexan “mitad monje y mitad soldado”, a chamar a atención desde o púlpito a unha señora que leve a xuízo do cura demasiado escote, a negar a comuñón en público a algunha persoa que eles xulguen pecadora? Iso, máis ben o leve, e moitas cousas máis eran normais noutro tempo. Iso non ten nada cristián.

Pero quizais agora só queiran ter cadeas de televisión para “informar”. A favor, claro, dos seus bens terreais. Tampouco nada parecido a o que predicou Xesús de Nazaret