Alberto Fortes no seu libro apréndenos como os nosos devanceiros, case todos pobo, pagaban a foreiros, conventos, Igrexa e rei “diezmos, primicias y trabucos”. Dinos de onde vimos. O libro presentouse coa música de Silvina e Carlos, en Tui. Confeso que volvín outra vez a sentir o difícil que debía ser para o meu bisavó Diego, que me legou o seudoapelido Ferruxo, gañar para poder comer e pagar aos seus explotadores. Mentres Carlistas e Isabelinos roubaban por camiños e antes o rei felón (ademais de traidor e ladrón, era un gran patriota), facía entrar cen mil franceses para abolir a constitución de 1812, a de Cádiz. Pido a Alberto Fortes, autor do libro, que me escriba e transcribo:

“O pasado xoves 25 de novembro estiven en Tui presentando o meu libro “A viaxe xeométrica de Domingo Fontán” con Afonso Ribas, coordinador da editorial Laiovento, con Rafael Sánchez Bargiela, técnico do arquivo, e con Manuel Vázquez de la Cruz. Pasei un tempo moi agradable, aínda máis porque a miña nai naceu en Tui”.

O libro dedica unha atención especial ao levantamento do mapa da antiga provincia de Tui, que Fontán fai xunto con Xosé Dionisio Valladares, pai dos escritores galegos Marcial e Avelina Valladares, nos meses de maio e xuño de 1829, cando era arquiveiro da catedral o erudito tudense Avila y La Cueva, que publicou unha “Historia Civil y Eclesiástica de la ciudad de Tuy y su provincia”. Eran anos de intransixencia e de persecución política aqueles da chamada década ominosa (1823 – 1833) e tanto Fontán como Valladares eran dous destacados liberais. De feito, o primeiro estivera expulsado da cátedra entre 1823 e 1826 e o segundo aínda estaba impurificado polo réxime de Fernando VII.

Alfonso Ribas Fraga, o editor do libro, amigo meu desde hai moito tempo, escríbeme: “D. José Rodríguez González (1770–1824), o matemático de Bermés (Lalín), dicía que “toda nación civilizada que desexe a prosperidade do seu país, debe, indispensablemente, ter a vista un deseño exacto deste”. Pois iso foi que fixo o seu dilecto discípulo Domingo Fontán, e tamén o seu sucesor na cadeira de Matemáticas Sublimes da USC, durante 17 longos anos pateando toda Galiza, facendo realidade o que dixo un século despois o gran xeógrafo Pau Vila ”a xeografía entra polos pés” para realizar o primeiro mapa científico que se facía en España: o de Galiza. Por certo os tres, científicos de fama internacional, foron perseguidos e mortificados por réximes retrógrados e brutais. Os dous galegos ilustrados, polo absolutismo borbónico e o catalán por francofascismo.”

Moitas veces eu escribín sobre a necesidade dunha ordenación de territorio. Lendo o libro e os escritos que me mandaron o autor e editor, sentinme un pouco apoiado e satisfeito, mais sempre que me asomo á paisaxe vexo no que están a converter o noso fermoso país, aínda que non plante máis, Galicia é un inmenso eucaliptal.

E sábeno porque un día haberá un inmenso incendio, probablemente con moitas mortes, que aumentará a superficie desa maldita planta. No lume está a súa solución expansiva.