XLV festas do churrasco
O mellor do verán, en Covelo

Sobre estas liñas, asistentes á festa posan coas súas racións. / D.P.
Covelo ven de acoller as xornadas máis multitudinarias de cada verán na vila. As XLV Festas Patronais e do Churrasco, estendéronse por tres días de gastronomía, música e tradición que, un ano máis, confirmaron o poder de convocatoria desta celebración.
O momento culminante chegou coa tradicional Festa do Churrasco, que reuniu a milleiros de veciños, veciñas e visitantes na Carballeira do Campo da Feira. A xornada superou as previsións iniciais, con arredor de 2.500 racións servidas, elaboradas con preto de 1.800 quilos de carne cociñada na propia Carballeira. Cada ración, ao popular prezo de 8 euros, incluíu costela de tenreira, costela de porco, un criollo, pementos de Padrón con certificado de orixe, pan e un vaso de viño.
O servizo comezou ás 14:00 horas e estivo amenizado pola Charanga Os Encerellados, seguida dos concertos de Los 5 del Titanic e A Banda do Sequío, que mantiveron o ambiente festivo durante toda a tarde. A oferta gastronómica completouse cunha cantina a prezos populares, xestionada este ano polo Covelo Club de Fútbol, e cunha ampla variedade de propostas paralelas: polbo, filloas, rosquillas e doces artesáns.

Asado de costilla e criollo. / FDV
Churrasco nos bares
A celebración estendeuse a seis establecementos hostaleiros locais, o Bar Cuartel (A Lamosa), o Bar Buraco (Covelo), o Bar A Cova do Ferro (Godóns), o Bar Plaza (Maceira), o Bar Milita (A Graña) e o Bar Casa Cultural da Graña (A Graña), que ofreceron o mesmo prato de churrasco ao prezo de 8 euros. A esta iniciativa destináronse 240 quilos adicionais de carne, o que permitiu superar en conxunto os 2.000 quilos de churrasco servidos entre a Carballeira e a hostalaría colaboradora.
Actividades familiares
Máis alá da gastronomía, a xornada incluíu desde as 12:00 horas a Mostra de Produtos de Covelo e a Feira de Artesanía, onde produtores e artesáns locais deron a coñecer o mellor do municipio. Os máis pequenos gozaron dunha gran deslizadeira de auga e un inchable acuático instalados no Campo de Fútbol Municipal, actividades de balde que atraeron a numerosas familias durante toda a tarde.
A programación comezara a noite anterior cunha gran verbena a cargo dos grupos La Conexión e Trío Azabache, que deu o pistoletazo de saída ás celebracións. Ao día seguinte, as festas patronais remataron coa tradicional Festa da Bicicleta, un paseo aberto a tódalas idades que rematou cun avituallamento para os participantes. A xornada concluíu coa proxección do Cine de Verán, ás 22:30 horas, na Praza Mestre Cerviño, coa película Quién es quién.
O goberno local agradeceu a implicación de veciños, artesáns, hostaleiros e colectivos como o Covelo Club de Fútbol, e xa pon a vista no vindeiro ano.
- Muere un marinero del cerco en un accidente mientras faenaba en las Cíes
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Un incendio forestal que ya supera las 20 hectáreas moviliza decenas de medios en Ponteareas
- Manuel Freire y Dolores Pastoriza celebran los 60 años de casados
- La universidad pasa factura emocional en Galicia: casi 500 estudiantes piden ayuda psicológica a sus campus en un año
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un lunes de colapso en las carreteras de O Morrazo
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería