Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

AMdOR

A música de banda, orgullo dun pobo

O Rosal instala unha pantalla xigante na Praza do Calvario para seguir hoxe en directo o Mundial de bandas

Agrupación Musical do Rosal, nun concerto.

Agrupación Musical do Rosal, nun concerto. / DAVID ALJÁN

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

D.P.

O Rosal

O corazón do Rosal latexa hoxe ao mesmo ritmo que a Agrupación Musical do Rosal, aínda que a máis de 1.800 quilómetros de distancia. O Concello instalou unha pantalla xigante na Praza do Calvario para que toda a veciñanza poida seguir en directo a participación da Agrupación Musical do Rosal (AMdOR) no World Music Contest (WMC) de Kerkrade, nos Países Baixos, o certame de bandas máis prestixioso do mundo. A retransmisión ten lugar hoxe ás 19.00 horas, coincidindo coa actuación da formación rosaleira na Concert Division, a máxima categoría da competición, na que comparte escenario con algunhas das mellores bandas internacionais.

A cita convértese nunha auténtica festa colectiva para acompañar á AMdOR nun momento histórico. Ata os Países Baixos desprazouse unha delegación formada por 125 persoas, entre músicos, directiva, familiares e veciñanza.

Como sinalou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, «a Agrupación Musical do Rosal leva décadas sendo unha das nosas maiores embaixadoras culturais. Ver como representa ao noso municipio nun escenario internacional desta relevancia é un motivo de inmenso orgullo para toda a veciñanza». A rexedora animou á cidadanía a vivir este momento de forma conxunta. «Queremos que toda a Praza do Calvario se converta nun gran punto de encontro para acompañar á nosa banda. Aínda que a actuación sexa en Kerkrade, estamos convencidos de que o apoio e o cariño do Rosal chegarán ata o escenario. Será unha oportunidade única para compartir a emoción e demostrar que detrás da AMdOR hai todo un pobo», recalcou.

O World Music Contest de Kerkrade reúne nesta edición 252 bandas procedentes de 31 países, converténdose no maior escaparate internacional para as formacións musicais. Dentro da Concert Division, a banda compite fronte a outras doce de países como os Países Baixos, Alemaña, Austria, Suíza, Portugal, Francia, Bélxica e Noruega, situándose entre a elite mundial.

TEMAS

Tracking Pixel Contents