Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Deporte

Aberto o prazo para a XV Carreira Nigrán Area

Como novidade, establécense premios en metálico para os tres primeiros clasificados

A carreira Nigrán Area, nunha edición anterior.

A carreira Nigrán Area, nunha edición anterior. / D.P.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Nigrán

O Concello de Nigrán organiza o vindeiro domingo 30 de agosto unha das súas citas deportivas máis emblemáticas do verán: a 15ª edición da Nigrán Area, carreira popular de atletismo pola praia de Panxón e Praia América. O prazo de inscrición estará aberto en www.carreirasgalegas.com ata o 27 de agosto ás 23:59 horas, cunha cota de 12 euros na categoría absoluta e de balde nas demais.

A principal novidade desta edición é o establecemento de 1.200 euros en premios en metálico para os tres primeiros clasificados tanto da categoría absoluta masculina como da feminina, a razón de 300, 200 e 100 euros respectivamente para o primeiro, segundo e terceiro posto.

«Trátase dunha carreira única pola contorna natural do litoral nigranés, aproveitando a marea baixa, e que pretende fomentar o deporte, o respecto polo medio e a convivencia veciñal», explica Juan González, alcalde do Concello de Nigrán. A administración local asume a totalidade da organización do evento, que conta ademais coa axuda económica da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan + Provincia.

A Nigrán Area convértese así nunha das citas deportivas máis multitudinarias do calendario estival local, xa que reúne a máis de 3.000 persoas entre atletas, acompañantes e público en xeral, consolidándose como un dos grandes atractivos deportivos do concello.

A proba arrincará ás 11:00 horas coa categoría absoluta, sobre unha distancia de 5 quilómetros, aberta a corredores e corredoras de todas as idades con saída desde a praia de Panxón. A partir das 12:00 horas será a quenda das categorías inferiores, organizadas por franxas de idade: os sub 16 percorrerán 2 quilómetros, os sub 14 farán 1.500 metros, os sub 12 completarán 1 quilómetro, os sub 10 farán 500 metros, os sub 8 percorrerán 300 metros e os máis pequenos farán unha distancia simbólica de 100 metros. A totalidade da proba conta coa supervisión técnica da Federación Galega de Atletismo, o que garante o cumprimento de tódolos requisitos regulamentarios da competición.

Os participantes poderán recoller os seus dorsais o mesmo día da carreira na propia praia de Panxón, nun punto habilitado para tal efecto que abrirá as súas portas ás 09:00 horas da mañá e permanecerá operativo ata trinta minutos antes do inicio de cada categoría.

TEMAS

Tracking Pixel Contents