Música clásica
Ponteareas acollerá o vindeiro agosto o «XIV Festival Groba»
O Festival traerá a Ponteareas músicos como Alexandra Tirsu ou Julien Quentin

Concerto do Festival Groba no ano 2025. | // D.P.
Ponteareas volverá acoller este verán o «XIV Festival Groba», cuxa presentación oficial tivo lugar hoxe. O evento, que un ano máis situará a Rogelio Groba, a creación galega e a música clásica no centro da súa programación, desenvolverase do 16 ao 22 de agosto.
O festival está organizado pola Orquestra de Cámara Galega e a Fundación Rogelio Groba, contando coa colaboración do Concello de Ponteareas, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. Como en edicións anteriores, as entradas serán gratuítas, unha decisión coa que se busca achegar este tipo de música a todos os públicos e manter vivo o legado do mestre Rogelio Groba.
A presentación contou coa participación de destacadas personalidades da vida política e cultural galega. Entre elas estivo Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Nava Castro, alcaldesa do Concello de Ponteareas; Juan Carlos González, concelleiro de Cultura do concello; e Rogelio Groba Otero, director artístico do Festival Groba e da Orquestra de Cámara Galega, así como presidente da Fundación Rogelio Groba.
Durante o acto déronse a coñecer os principais contidos desta nova edición, que contará de novo coa Orquestra de Cámara Galega como orquestra residente. A programación reunirá a un elenco de intérpretes de recoñecido prestixio no panorama musical actual, entre os que se atopan Alexandra Tirsu, Julien Quentin, Darío Mariño, Kyril Zlotnikov, Alena Baeva, Anna Sarkisova, Hrachya Avanesyan, Jean-Baptiste Doulcet, Vincent Tohier e Pablo Diago Busto.
Rogelio Groba Otero destacou durante a súa intervención que o festival representa «memoria, presente e futuro», unha forma de celebrar a música, o talento e o compromiso coa cultura galega. O director artístico agradeceu especialmente o apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas, institucións que, segundo sinalou, fan posible que o Festival Groba continúe crecendo e consolidándose como unha cita cultural de referencia no panorama musical galego.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura de Ponteareas, Juan Carlos González, subliñou a importancia de que a vila acolla un evento de tan alto nivel. «Podemos desfrutar da calidade musical de grandes figuras do panorama musical internacional», afirmou González, quen engadiu que «é un luxo contar en Ponteareas cun festival destas características».
Relevancia internacional
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, quixo facer fincapé no feito de que, polo alto nivel do evento, este podería celebrarse en calquera das principais cidades galegas. «Que se celebre en Ponteareas énchenos de orgullo e satisfacción, xa que estamos ante un evento de relevancia internacional», declarou a rexedora municipal.
O evento combina a excelencia artística coa difusión do patrimonio musical galego, o apoio ás novas xeracións de músicos e o acceso de todos os públicos a unha programación de calidade, mantendo así o espírito co que naceu hai xa catorce edicións.
A cita, que se celebrará entre o 16 e o 22 de agosto, promete converterse de novo nun dos momentos culturais máis destacados do verán en Ponteareas, atraendo tanto a afeccionados á música clásica como a veciñanza e visitantes interesados en descubrir o legado do mestre Rogelio Groba a través dunha programación de primeiro nivel internacional.
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería
- La secuela más desconocida del fentanilo llega a los hospitales vigueses
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un equipo médico para un corazón de 100 toneladas: en las tripas de un titán del mar
- Rescatan a un niño de 5 años que se estaba ahogando en una piscina del balneario de Mondariz
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Xonxa Otero y Paula Rivas: «Estamos moi felices por ser as primeiras mulleres en poder bailar a danza de San Roque»
- Ni una alerta roja por calor frena la devoción a San Roque: más de 16.000 personas disfrutan de la fiesta patronal