Acollida
Mos abre as súas portas a once menores do Sáhara estas vacacións
O programa Vacacións en Paz permite que os menores, procedentes dos campamentos de refuxiados, gocen dun verán lonxe das altas temperaturas

Menores saharauis coa corporación e as familias de acollida. / D.P.
O Concello de Mos deu a benvida aos once menores saharauís que pasarán os meses de verán con familias acolledoras de Mos e O Porriño, no marco do programa solidario Vacacións en Paz, promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.
O acto de recepción tivo lugar nas dependencias municipais e estivo presidido pola alcaldesa, Nidia Arévalo, quen estivo acompañada por representantes da asociación e polas familias acolledoras. Estas últimas, un ano máis, abren as portas das súas casas para ofrecerlles aos menores un verán seguro, saudable e cheo de experiencias novas.
Durante o encontro, a rexedora agradeceu o compromiso das familias participantes e puxo en valor unha iniciativa que, segundo as súas palabras, «representa o mellor da solidariedade e da cooperación entre pobos». Arévalo engadiu que «cada verán, Mos demostra que é un concello comprometido coa infancia e cos dereitos humanos», e subliñou que «estes nenos e nenas atopan aquí un fogar, atención sanitaria e a oportunidade de vivir unhas semanas afastados das durísimas condicións dos campamentos de refuxiados saharauís».
O programa Vacacións en Paz, unha iniciativa que se repite ano tras ano, permite que un total de 280 menores procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís poidan pasar os meses de xullo e agosto en distintos concellos galegos. Deste xeito, os nenos e nenas conseguen afastarse das temperaturas extremas que no verán superan os 50 graos no deserto, ao tempo que acceden a unha alimentación equilibrada, revisións médicas e actividades de lecer adaptadas á súa idade.
Durante a súa estancia en Mos, os menores participarán de forma gratuita no campamento municipal infantil Mañás de Verán, onde compartirán xogos e actividades con outros menores do municipio. Ademais, poderán gozar da piscina ao aire libre de San Eleuterio e integrarse nas diversas propostas culturais, deportivas e sociais organizadas polo Concello ao longo do verán.
Como xa é habitual, o Concello de Mos organizará durante o mes de agosto unha xornada de convivencia, reforzando así os vínculos creados durante a súa estancia.
O Concello de Mos mantén a súa colaboración con esta iniciativa a través dun convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Esta colaboración inclúe apoio económico, a facilitación do transporte dos menores desde o aeroporto de Peinador, e a colaboración na organización tanto da recepción como das actividades previstas.
Ademais, os menores contan coa cobertura sanitaria garantida grazas á colaboración co Sergas, que inclúe revisións médicas, vacinacións e atención sanitaria durante toda a súa estancia en terras galegas.
- Muere un marinero del cerco en un accidente mientras faenaba en las Cíes
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Un incendio forestal que ya supera las 20 hectáreas moviliza decenas de medios en Ponteareas
- Manuel Freire y Dolores Pastoriza celebran los 60 años de casados
- La universidad pasa factura emocional en Galicia: casi 500 estudiantes piden ayuda psicológica a sus campus en un año
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un lunes de colapso en las carreteras de O Morrazo
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería