Entrevista | Samuel Rodríguez González Artista
«Estamos no momento de cubrir un oco de representación»
«Ao carecer de perfís femininos dentro das aplicacións de citas para gais, dáse unha socialización moi asalvaxada, porque é bastante directa»

Samuel Rodríguez González coa súa obra «Perra». / ANXO GUTIÉRREZ
L. Porto
Samuel Rodríguez González (1997) é o artista salcedense responsable da exposición que o Concello de Salceda programou este ano polo Mes do Orgullo, e que estará dispoñible, en horario de 20:00 a 00:00, ata o 21 de xullo. Falamos con el sobre as dinámicas sociais que impregnan o traballo exposto. As obras do creador, que vén de rematar o seu Mestrado en Arte Contemporánea, poden verse no instagram @samuljh.
—Como xorde a idea de facer esta exposición?
—Contactáronme do Concello, porque hai algúns veciños da miña parroquia na Corporación, e sabían un pouco da miña traxectoria: fixera o Grao en Belas Artes e que fixera o Mestrado, e como o meu traballo ía ao redor da identidade queer, dos procesos vitais de descubrimento sexual e identitario, pensaron en min para facer isto polo Mes do Orgullo. Expliqueilles que tiña algunhas obras máis para completar a exposición, e pareceulles boa idea.
—Por que se decidiu a facer un traballo que ten, en parte, un contido sexual tan explícito?
—En parte por experiencia propia e a través das miñas amizades, sobre todo en certos perfís corporais ou comportamentais, houbo unha polarización moi grande coa socialización, a nivel de que un corpo esbelto, delgado e novo xa é visto como feminino por gran parte do colectivo gay, porque é o que máis prexuízos ten a nivel de misoxinia e machismo. O proceso de achegamento de moitos rapaces, ou xa directamente homes de bastante idade, é bastante agresivo tanto a nivel dixital como físico. Eu quería falar sobre este tema porque o vía bastante relacionado coa figura do Erastés e o Erómeno, unha estrutura social da Grecia Clásica baseada na pederastia como sistema educacional na que un home masculino de maior idade, musculado, provedor económico, se relacionaba cunha figura nova, feminizada, esbelta, de menor idade, que se percibe como dócil. Esa polarización tan extrema, eu vexo que segue moi vixente miles de anos despois, o cal é bastante curioso. Tamén notei que isto en parte se debe á normalización do contido pornográfico, porque está presente en calquer rede social, e iso influe bastante para caermos en certos clixés e ideas nocivas do comportamento e do proceso do sexo e das identidades.
—Como cre que inflúen estas dinámicas nas persoas LGTB, sobre todo nos homes gays?
—Para o mestrado lin bastante bibliografía que estudaba o comportamento en diferentes apps de citas, moitas veces facendo comparacións. A través dos escritos analizábase como, ao estar ausente a figura da muller nestas plataformas de citas, elimínase o filtro inhibidor do feminismo, porque a presenza feminina cohibe ese tipo de comportamentos. En moitos estudos analizábase, por exemplo, a cantidade de fotos de perfil sen camiseta nunha app para gays contra unha xenérica, e a diferenza era extremadamente alta. Tamén, ao carecer de perfís femininos dentro da aplicación, dáse unha socialización moi asalvaxada, porque é bastante directa. As mensaxes que ves neses metacrilatos [parte da obra exposta] son saúdos da xente, primeiras mensaxes que envía alguén coa idea de entablar unha conversa. É normal que inclúan vexacións en clave feminina, como «zorrita», e cousas que implican unha idea misóxina de vexar, de infravalorar. É un problema social bastante estendido e que inflúe bastante na percepción doutros.
—Como afecta isto á capacidade de relacionarse de xeito saudable?
—Nestas apps, créase un proceso de introducirte nun personaxe case pornográfico, porque o contido que tes que crear ten que ser atractivo e moi baseado no corpo e no sexual. Se fosen outro tipo de esquemas comportamentais non habería problemas, pero claro, están moi baseados en prexuízos patriarcais e narrativas pornográficas que son bastante nocivas. A raíz de estar facendo este proxecto falei con moitos amigos e ex-mozos, e moitos deles foron reflexionando, cos días ata me mandaban mensaxes. Para a serie «Contacto», moitos mandáronme historias de como foran vítimas de algunha violación ou abuso, por proxección de prexuízos patriarcais que te fan concibir que o outro corpo non ten nin voz nin voto, senón que é un obxecto de desexo e xa.
—Na súa obra hai hiperrealismo, claroscuro, e técnicas clásicas que caracterizan a periodos identificados co reaccionario, aplicadas a contidos LGTB con carácter sexual explicito. Hai vontade de transgresión?
—Moita xente nota que existe unha longa traxectoria histórica de imaxes realistas e moi ben tratadas a través das técnicas artísticas, que son de parellas de distinto sexo. Grazas aos avances actuais podemos ver incluso obras que son retratos de parellas ou amantes do mesmo sexo, pero non abunda. Nos últimos anos vense dando un movemento bastante amplo de artistas que traballamos este tipo de imaxes. Estamos nun momento bastante forte para intentar apropiármonos un pouco esta estética, ou para cubrir un oco de representación.
- Muere un marinero del cerco en un accidente mientras faenaba en las Cíes
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Un incendio forestal que ya supera las 20 hectáreas moviliza decenas de medios en Ponteareas
- Manuel Freire y Dolores Pastoriza celebran los 60 años de casados
- La universidad pasa factura emocional en Galicia: casi 500 estudiantes piden ayuda psicológica a sus campus en un año
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un lunes de colapso en las carreteras de O Morrazo
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería