Concertos
A Guarda pecha un xullo musical de altura

Los Kalahari pecharán o tocamúsica o 23 de xullo. / D.P.
D.P.
A Guarda ten por diante dúas xornadas musicais de primeiro nivel. O xoves 23 de xullo baixará o pano a edición 2026 do ciclo TocaMúsica cun concerto moi especial de Los Kalahari, mentres que o venres 24 chegará ata o antigo Estadio do Tecla unha das paradas de Orballo Cultural, con Luar Na Lubre e Balteira como protagonistas dunha noite dedicada ao folk galego.
O TocaMúsica despídese
O concerto de clausura do TocaMúsica correrá a cargo de Los Kalahari, que ofrecerán, ás 21:00 horas na Praza do Reló, un espectáculo moi especial cun repertorio completo de Siniestro Total. A actuación contará ademais coa participación de Javier Soto, exguitarrista da histórica banda viguesa, e de Andrés Cunha, o seu último batería, o que promete converter esta cita nun auténtico broche de ouro para a edición.
Nesta edición do TocaMúsica apostouse por unha programación variada e de calidade, achegando estilos musicais para todos os públicos e enchendo de ambiente distintos recunchos da Guarda. O ciclo deu comezo o 23 de maio na Praza Avelino Vicente coa actuación de El Cuarto de Tula, unha homenaxe a Buena Vista Social Club que trasladou ao público todo o sabor e a esencia da música cubana.
A programación continuou o 12 de xuño na rúa Vicente Sobrino coa banda Stormy Trucks, liderada por Valentín Caamaño, que combinou temas propios con versións de grandes clásicos do rock. Posteriormente, o 28 de xuño, God Good levou o soul e o funk ata Chan de Conde cun concerto cargado de ritmo e enerxía que conquistou ao público asistente.
Esta nova edición de TocaMúsica volveu confirmar a excelente acollida que ten a música en directo na Guarda. Os concertos reuniron a numeroso público en cada unha das súas citas, contribuíndo a dinamizar os espazos públicos e a reforzar a programación cultural e de lecer do municipio durante a primavera e o verán.
O Concello da Guarda fai un balance moi positivo desta edición e agradece tanto a implicación das bandas participantes como a resposta dos guardeses e guardesas e das persoas visitantes, que converteron cada concerto nun éxito de participación. Con este último concerto de Los Kalahari péchase unha edición que consolida TocaMúsica como unha cita cultural de referencia no calendario local. O Concello agarda poder volver celebrar este ciclo o vindeiro ano cunha nova programación que continúe apostando pola calidade musical, a diversidade de estilos e propostas capaces de atraer públicos de todas as idades.
Orballo Cultural
Un día despois, o 24 de xullo ás 22:00 horas, o antigo Estadio do Tecla acollerá unha das grandes citas musicais deste verán coa chegada de Orballo Cultural, un ciclo que aposta por achegar a cultura galega a diferentes puntos do territorio e que traerá á vila unha noite dedicada ao folk e ás nosas raíces. O concerto será de carácter gratuíto e o público poderá desfrutar da música de dúas formacións de referencia da escena galega: Balteira e Luar Na Lubre.
A encargada de abrir a noite será Balteira, unha formación que bebe da tradición oral galega para ofrecer unha visión renovada da música de raíz, cunha proposta chea de forza, identidade e conexión coa cultura popular. A continuación, subirá ao escenario Luar Na Lubre, unha das bandas máis recoñecidas e queridas da música galega, cunha traxectoria de máis de 30 anos na que levou o son e o espírito de Galicia por escenarios de todo o mundo. O público poderá gozar dun concerto no que a formación repasará parte da súa ampla carreira e do seu legado dentro do folk galego.
A cita forma parte da segunda edición de Orballo Cultural, un ciclo de concertos itinerante que percorre Galicia combinando música en directo con outras expresións da cultura galega como a gastronomía e a artesanía, creando experiencias ligadas ao patrimonio e aos espazos nos que se desenvolven. Impulsado no marco dos Concertos do Xacobeo, Orballo Cultural conta coa participación de 18 artistas galegos de diferentes estilos e xéneros en 10 localidades galegas.
Con estas dúas citas, A Guarda pon o punto final a un mes de xullo cargado de música en directo, combinando o tributo ao rock e ao humor de Siniestro Total co folk máis identitario de Galicia. Dous concertos, dous estilos ben distintos, e un mesmo obxectivo: seguir facendo da música un motivo de encontro.
- Muere un marinero del cerco en un accidente mientras faenaba en las Cíes
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Un incendio forestal que ya supera las 20 hectáreas moviliza decenas de medios en Ponteareas
- Manuel Freire y Dolores Pastoriza celebran los 60 años de casados
- La universidad pasa factura emocional en Galicia: casi 500 estudiantes piden ayuda psicológica a sus campus en un año
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un lunes de colapso en las carreteras de O Morrazo
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería