Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Verán deportivo para a rapazada salcedense

deporte

de base

Sobre estas liñas, Campus Denis Suarez. Á dereita, Campus de Verán do CB Caselas.   | // D.P.

Sobre estas liñas, Campus Denis Suarez. Á dereita, Campus de Verán do CB Caselas. | // D.P.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
[Salceda de Caselas]

Este verán chega a Salceda cargado de deporte, valores e convivencia para a rapazada. Dous campus deportivos de referencia na vila puxeron en marcha as súas actividades, demostrando que o deporte base segue a ser un dos piares fundamentais da formación integral da infancia e a mocidade.

Verán deportivo para a rapazada salcedense

Verán deportivo para a rapazada salcedense

O Campus de Verán da Fundación Denis Suárez e o Campus de Verán do Club Baloncesto Caselas comparten filosofía, compromiso educativo e unha aposta clara por ofrecer experiencias que van moito máis aló do adestramento convencional.

Campus Denis Suárez

O Campo de Fútbol Penedo Redondo converteuse no escenario de arranque do Campus de Verán da Fundación Denis Suárez, que reúne a máis de 40 menores de entre 4 e 16 anos nunha semana que promete ser inesquecible. Fútbol, diversión e inclusión son os tres eixos sobre os que se constrúe un programa pensado para que cada participante viva unha experiencia única combinando o deporte coa transmisión de valores.

O gran atractivo desta edición é a presenza do propio Denis Suárez. O xogador comparte a súa experiencia persoal coa rapazada, achegando aos máis novos unha perspectiva real de como é o camiño cara ao fútbol profesional, sen esquecer a importancia do esforzo, o traballo en equipo e o respecto. Unha oportunidade que poucos menores teñen ao seu alcance e que converte este campus nun referente para as familias da zona.

A organización destaca o carácter inclusivo da iniciativa, pensada para que a rapazada poida gozar do fútbol nun ambiente de convivencia e compañeirismo, independentemente do seu nivel deportivo. O obxectivo non é só mellorar tecnicamente, senón tamén crear lazos, facer amizades e pasalo ben.

Club Baloncesto Caselas

Mentres o fútbol toma o protagonismo en Penedo Redondo, o baloncesto celebra a súa propia festa en Salceda de Caselas. O Club Baloncesto Caselas levou a cabo a quinta edición do seu Campus de Verán, unha iniciativa que este ano chegou a un fito significativo: completar todas as súas prazas antes do inicio das actividades. Un dato que fala por si mesmo do prestixio que foi acumulando este proxecto ao longo dos anos.

O programa desta edición foi amplo e variado. Os participantes, nados entre 2008 e 2016, tiveron ao seu dispor adestramentos intensivos de baloncesto, sesións de tecnificación específica, concursos, actividades ao aire libre e formación en inglés aplicada ao deporte, un elemento diferenciador que prepara á rapazada non só como deportistas, senón tamén como cidadáns con ferramentas para o futuro. A estas actividades sumáronse charlas educativas, acceso á piscina municipal, servizo de comedor e un dos momentos máis esperados polos participantes de cada edición: a tradicional noite no pavillón.

A dirección técnica está en mans de Adrián Salgado Fernández, coordinador deportivo do club, que conta no equipo con Diego Gómez, Rubén Domínguez e Luis Gabín. Pero o nome que máis expectación xerou entre os inscritos é o de David Navarro, ex xogador da ACB e da Euroliga, que visitou o campus e compartíu a súa experiencia cos participantes.

O campus desenvolveuse principalmente no Pavillón Municipal de Salceda de Caselas e nas instalacións anexas, apostando por grupos reducidos que garantan unha atención personalizada e unha calidade formativa superior. Desde o club insisten en que o obxectivo principal non cambiou en cinco anos: crear un entorno no que a cativada mellore tecnicamente, goce do deporte, faga novas amizades e viva unha semana memorable.

Un mesmo compromiso

Aínda que o fútbol e o baloncesto son disciplinas distintas, o Campus Denis Suárez e o Campus C.B. Caselas comparten a visión de que o deporte é unha ferramenta de educación en valores. Ambas iniciativas buscan que a rapazada que participa saia non só mellores deportistas, senón tamén mellores persoas, con máis confianza, máis capacidade de traballo en equipo e máis amor polo esforzo.

Tracking Pixel Contents