Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Segundo día de «Solpor Monteferro»

música

Sobre estas liñas, o grupo Smile, que actuará hoxe. Á esquerda, «Solpor Monteferro» no ano 2025.   | // D.P.

Sobre estas liñas, o grupo Smile, que actuará hoxe. Á esquerda, «Solpor Monteferro» no ano 2025. | // D.P.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
[Nigrán]

O miradoiro de Monteferro acolle esta tarde, a partir das 19.00 horas e con entrada de balde, a segunda e última xornada da décima edición do festival «Solpor Monteferro».

Segundo día  de «Solpor Monteferro»

Segundo día de «Solpor Monteferro»

Tras o exitoso arranque de onte, a tardiña de hoxe promete un peche á altura cun cartel que mestura talento portugués, rock vigoroso e indie de referencia estatal, todo iso coa panorámica das Illas Estelas e o Atlántico como pano de fondo.

O festival está organizado polo Concello de Nigrán coa colaboración económica da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan + Provincia e o patrocinio da marca nigranesa Cervezas Banda, con sede en Porto do Molle. Desde a súa creación en 2017, o obxectivo permanece inalterado: gozar ao aire libre nunha contorna privilexiada onde a caída do sol sobre o Atlántico converte cada actuación nunha experiencia inesquecible.

«A beleza da contorna de Monteferro ofrece cada ano unha experiencia musical marabillosa e un público moi diverso que é sempre fiel á cita. Esta é a mellor imaxe que podemos transmitir de Nigrán», destacou o alcalde, Juan González.

A primeira xornada deixou momentos para o recordo. Abriu o Coro Covacanta xunto a Los del Barro: o coro infantil do CPI Cova Terreira de Baiona, impulsado pola mestra Nuria Zúñiga, debutou en Solpor cunha actuación chea de frescura ao carón da veterana banda local, con máis de 15 anos de traxectoria e un son propio que mestura rock, pop e rumba.

Continuou Netta Rufina, banda nigranesa de rock alternativo, post-punk e hard rock, anteriormente coñecida como The Mirror, que presentou material do seu novo disco con toda a intensidade que caracteriza o seu son orgánico e directo.

O peche da noite chegou da man de Homenaje a Buena Vista Social Club, o vibrante show da agrupación El Cuarto de Tula, fundada en 2024 polo vocalista cubano Reynier Aldana e o percusionista uruguaio Walter Pelayo, que rendeu tributo á lendaria orquestra cubana cunha actuación que fixo bailar a todo o miradoiro.

Plan para hoxe

O solpor arrinca coa Escola de Rock de Paredes de Coura (Portugal). Activa desde 2014 e con metodoloxías pedagóxicas alternativas, esta escola visita de novo Nigrán para ofrecer un escenario real ao seu alumnado, nunha colaboración transfronteiriza xa habitual no festival.

A continuación sobe The Blow Up’s, power trio de rock’n’roll vigués que recupera os sons clásicos do rock dos anos 60 e 70 cunha proposta fresca e enérxica. Formados en 2023, xa contan cunha identidade musical sólida que foi evolucionando desde o seu EP debut Nowhere Generation ata colaboracións de alto nivel na escena nacional.

O broche de ouro da noite pono Smile, banda de indie rock de Getxo (Vizcaya) formada en 2007 e integrada por John Franks, Javi González, Félix Linares e Mikel Santos. Unha das propostas máis queridas do panorama indie español, presentan Rayo Verde (2023), o seu último álbum e o primeiro gravado íntegramente en castelán, un novo capítulo nunha carreira xa consolidada.

Rematados os concertos, a festa continúa desde a medianoite no Malabar-Pénjamo de Patos coa sesión DJ de Señora DJ.

Para acceder ao miradoiro, o Nigranbus opera de forma gratuíta en percorrido circular de 19:00 a 00:00 horas entre a primeira rotonda do SAU de Monteferro e o Monumento á Mariña. O festival é inclusivo e conta con mochilas vibratorias para persoas xordas que as solicitasen previamente en info@entresignos.com ou no whatsapp 690 679 675.

Tracking Pixel Contents