Nigrán cumple 20 anos de Nigranjazz cun cartel de primeira
Festivais
y A edición máis especial do festival arranca o 14 de xullo cunha semana de actividades

Sobre estas liñas, presentación do XX Nigranjazz. Á dereita, a artista Gretchen Parlato. | // D.P.
O festival Nigranjazz, o máis lonxevo organizado polo Concello de Nigrán e o único dedicado ao jazz en toda a comarca do Val Miñor, chega á súa vixésima edición cunha programación á altura das circunstancias.

Nigrán cumple 20 anos de Nigranjazz cun cartel de primeira
Tres días consecutivos de concertos no esteiro de A Foz, na Ramallosa, protagonizados por artistas de primeiro nivel internacional e precedidos por actividades complementarias que converten esta celebración nunha semana completa de jazz. Como sempre desde o seu nacemento en 2007, todos os concertos e actividades son de balde.
O plato forte chega o xoves 16 de xullo ás 21:30 horas coa actuación de Gretchen Parlato (1976) e o seu cuarteto. A cantante californiana é considerada a voz máis destacada da súa xeración no jazz mundial. Gañadora de dous premios Grammy en 2013 e 2021 á mellor vocalista de jazz, aparece en 85 álbumes, catro deles como líder. Nigrán recibiraa na que será a súa segunda cita en España, un día despois do seu debut no prestixioso Festival de Jazz de Vitoria. «Traer a Gretchen Parlato é un vello soño que se fará realidade nesta edición tan simbólica; gozarán dela os jazzistas máis esixentes e tamén os neófitos, e incluso aqueles que din que non lles gusta o jazz», destaca o director do festival, Felipe Villar.
O venres 17 súbese ao escenario da Foz a banda Eclipse, un proxecto nacido en Ámsterdam formado por estudantes de jazz de diversas procedencias, entre eles o contrabaixista galego Álvaro Orcajo. A súa presenza responde á filosofía que sempre guiou o Nigranjazz: apostar polo talento emerxente e darlle visibilidade internacional. O sábado 18 pechará o festival o pianista galego Abe Rábade en formato trío, acompañado polo saxofonista estadounidense John O’Gallagher, nun concerto patrocinado polo ciclo Artistas en Roteiro Jazz da AIE. O propio O’Gallagher ofrecerá ese mesmo día unha master-class ao mediodía no Auditorio Municipal, outra das tradicións do festival.
Ao remate de cada un dos tres concertos arrincarán as jam session de sempre, conducidas esta edición por Rosolino Marinello Quintet, Fooz e The Jazz Avengers, tres cuartetos integrados por prometedores músicos de jazz galegos.
Unha semana chea de jazz
Atendendo ao carácter excepcional desta edición, o programa esténdese máis alá dos tres días de concertos. O martes 14 de xullo, o Cine Municipal da Ramallosa acollerá ás 21:00 horas a proxección de Mo’ Better Blues, o filme de Spike Lee que mergulla ao espectador no universo do jazz. O mércores 15, a véspera do primeiro concerto, o Malabar Pénjamo de Patos será o escenario dunha sesión especial de música en directo a cargo do Toño Otero Quartet.
O festival tamén presentou o cartel gañador deste ano, obra da ilustradora coruñesa Ana Varela, nun acto celebrado na nave de cervexas Banda, en Porto do Molle, marca local que colabora un ano máis xunto coa Deputación de Pontevedra a través do Plan + Provincia. O concurso de carteis leva o nome de Quin Alborés, cofundador do festival e autor dos tres primeiros, en homenaxe póstumo a quen foi peza clave na súa orixe.
«Despois de 20 anos de jazz de primeiro nivel, o Nigranjazz é xa un referente en toda España», sinala o alcalde Juan González, quen lembra que o festival naceu en 2007 grazas ao impulso de veciños entusiastas apoiados polo Concello, cando el mesmo era concelleiro de Cultura. Desde entón, polo seu escenario natural, enclavado nun espazo protexido da Rede Natura, desfilaron artistas da talla de Kurt Rosenwinkel, Aaron Parks, Peter Bernstein, Gilad Hekselman ou Eve Cornelius, entre moitos outros.
Accesibilidade e ambiente
Como en edicións anteriores, o público poderá conversar cos músicos, consumir comida e bebida durante os concertos, e adquirir camisetas da edición e discos. Haberá ademais unha exposición ao aire libre cos carteis de toda a historia do festival.
O festival manterá o seu carácter inclusivo e disporá de mochilas vibratorias para persoas xordas que as soliciten previamente en info@entresignos.com ou no whatsapp 690 679 675.
- Dos viajeras que perdieron un avión de Madrid a Bruselas por una avería del tren en Ourense no serán indemnizadas por el coste de los billetes adicionales para llegar a Bélgica
- Cierran tres negocios de Frutas Nieves en Vigo por el desahucio de un franquiciado, una situación inédita en sus más de 40 años
- La reconocida orquesta gallega París de Noia pierde a una de sus principales voces en la temporada de mayor actividad
- Trescientos pacientes del Chuvi reciben los primeros fármacos específicos para combatir las migrañas
- Gran espacio para aparcar, pero todavía sin limpiar
- «La dieta y el ejercicio son fundamentales en la menopausia y, para las que aun así tienen síntomas, hay tratamientos»
- La Asociación de Veciños de Tirán se posiciona contra la residencia de mayores de Moaña en O Carrachal
- María Corina Machado, de boda en Vigo