Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Descentralizar o pensamento crítico é fundamental»

y «O rural é un territorio cunha filosofía de vida, uns saberes e unha memoria propios que teñen moito que achegar ao debate contemporáneo»

Mar Caldas, nun autorretrato.   | // MAR CALDAS

Mar Caldas, nun autorretrato. | // MAR CALDAS

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Laura Porto

[Covelo]

Mar Caldas (1964) é unha artista visual e fotógrafa viguesa, afincada en Covelo, que usa a fotografía e a memoria para facer visible o que a historia puxo en segundo plano, especialmente as experiencias das mulleres. Durante os últimos meses, fotografou ás mulleres da vila, e o próximo venres 10 ás 20:00 ofrecerá as súas conclusións deste traballo na que será a xornada de peche do II ciclo «Pensando no verán» , cunha conferencia titulada Fotografía e mulleres no rural galego que rematará coa exposición das súas fotografías.

-O teu traballo foi definido como pioneiro do feminismo artístico en Galicia. Cando tomaches consciencia de que esa era a túa dirección?

O feito de ser feminista é algo que empapa o traballo artístico que fas, no caso de que non sexa puro formalismo, claro. Creo que a miña etapa en Valencia, nos anos 90, na que frecuentei un programa de doctorado feminista interuniversitario, asistindo a seminarios de semiótica, psicoanálise e teoría da arte, foi fundamental para adquirir unha base teórica, coñecer prácticas artísticas e persoas con intereses compartidos.

-Por que decidiches fotografar ás mulleres de Covelo? Como foi o proceso?

Hai unha década que realizo proxectos sobre o traballo feminino, moitos deles centrados no rural galego. Eu vin vivir a Covelo hai 4 anos, así que tiña pendente facer algo aquí.

Convidáronme ás xornadas «Pensando no verán» para falar do meu traballo, así que eu propuxen, adicionalmente, retratar ás mulleres de Covelo. A idea é expoñer estes retratos, acompañados dunha listaxe dos traballos que realizan, no Auditorio de Covelo. Apliquei o mesmo procedemento que xa levara a cabo no Rosal en 2018: colocar un estudo fotográfico portátil en diferentes lugares do concello (Covelo, Baldomar e Barcia de Mera) que estiveran concurridos e convidar as mulleres a seren fotografiadas.

Ademais de facerlles a foto, pregúntolles sobre os traballos realizados, recollendo os labores que adoitan ser nomeados os que non se consideran «traballos»; os realizados no fogar, no campo e os coidados doutras persoas. Tamén recollín datos sobre a emigración.

-O rural galego ten realidades moi distintas dunha comarca a outra. Que singularidade atopas en Covelo con respecto a outros lugares onde implementaches proxectos semellantes?

En Covelo hai unha forte pegada da emigración a Lisboa. Outra singularidade é unha recente chegada de persoas relativamente novas que buscan no rural unha forma de vida. E tamén estamos as que vimos vivir para o rural pero traballamos na cidade. Estes desprazamentos mudaron a poboación en determinadas zonas de Covelo (é un concello moi grande) paliando en parte o despoboamento tan intenso que se veu producindo desde os anos 60 co abandono dos traballos do sector primario.

- Tes pensado continuar fotografando ás mulleres do rural galego? Creo que si, máis adiante. Pero agora vou retomar un proxecto que vai na outra liña na que traballo de memoria democrática e no que a fotografía familiar xoga un papel fundamental.

-A fotografía neste proxecto non é só un acto estético, senón tamén de memoria e reparación. Como equilibras esa dobre dimensión?

Trátase de homenaxear ás mulleres e a súa enorme, e non recoñecida, contribución á comunidade. Por iso escollo presentalas con dignidade, autoridade e nunha actidude poderosa, sostendo a mirada da cámara, evitando a xestualidade anecdótica e tomando a herdanza estética do retrato pictórico clásico, isto é, do retrato das persoas poderosas.

Esta vez quixen utilizar sempre o mesmo fondo, un pano no que predomina o dourado, lembrando aos retratos que se facían cun fondo de pan de ouro. Unha tradición milenaria que vai desde o antiguo Exipto ao medievo e Bizancio e que ten un simbolismo que vai desde o sagrado ata o poder terreal. É, por tanto, un elemento que contribúe a elevar ás mulleres retratadas á categoría de icono, transformando o retrato de estudio nun acto de xustiza que repara unha invisibilidade histórica.

- Ao longo da túa traxectoria pasaches por lugares e sociedades moi diversos. Como moldaron a túa visión sobre o traballo das mulleres e a identidade galega?

Coñecendo mulleres de distintos contextos, comprendín que a contribución das mulleres galegas non é un fenómeno illado por moito que sexa singular. Creo que isto contribuiu a ter unha mirada desprovista de folcrorismos e centrarme no esencial: a memoria do traballo e a forza política das mulleres.

- «Pensando no verán» é un proxecto bastante singular, tratándose dun ciclo de filosofía nun contexto rural. Que pensas deste tipo de eventos?

Paréceme unha iniciativa extraordinaria e absolutamente necesaria. Como veciña de Covelo, creo que a descentralización do pensamento crítico é fundamental: a miúdo caemos no erro de centralizar a cultura nas áreas urbanas, como se o rural fose un deserto intelectual. O rural é un territorio cunha filosofía de vida, uns saberes e unha memoria propios que teñen moito que achegar ao debate contemporáneo. Para min, o interese de «Pensando no verán» é poñer en común a reflexión filosófica coa sabedoría e a realidade do territorio onde vivimos. Poder facelo no meu lugar de residencia, faino moito máis especial, porque é unha oportunidade para escoitar e construír pensamento fóra dos circuítos habituais.

Tracking Pixel Contents