Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Verán de lecer familiar en Baiona

actividades

y Baiverán 2026 chega con música, folclore, humor, exposicións e festivais ata finais de setembro

Baiverán traerá espectáculos para todos os gustos.   | // D.P.

Baiverán traerá espectáculos para todos os gustos. | // D.P.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
[Baiona]

A través das concellarías de festexos, mocidade, cultura, comercio e turismo, Baiona ofrece este verán unha extensa axenda de actividades para todos os públicos, con especial atención ás familias e aos máis cativos. A programación abrangue desde mediados de xuño ata finais de setembro e inclúe festivais, verbenas, festas patronais, actuacións musicais, monólogos, folclore popular, maxia, conferencias e exposicións de pintura, fotografía e escultura, sen esquecer rutas e visitas guiadas polos recunchos máis emblemáticos do concello.

Un dos piares fundamentais do Baiverán é a música en todas as súas formas e xéneros. Ao longo do verán, o público poderá desfrutar de concertos de bandas, grupos, tríos e solistas de moi diverso estilo. Entre as actuacións confirmadas destacan Denis, Los Lunes al Sol, De Pablos, Tonichi & Pacheco, A Polémica Banda dos Bechuchos, Sons do Val, Brañas Folk, Pablo Alonso, Gabriel Fandi e Treixadura, ademais dunha longa lista de artistas que irán completando a programación nas próximas semanas.

As asociacións culturais de Baiona tamén terán o seu protagonismo, tal e como vén sendo tradición cada verán. A Coral Polifónica A Cela de Baredo, a Coral Polifónica Baiona La Real, a Coral Polifónica San Lorenzo de Belesar, o Coro de Homes Voces Baionesas e Baiona Bay, entre outras agrupacións, deleitarán ao público cos seus repertorios veraniegos en distintos escenarios do municipio.

O folclore galego tamén estará moi presente grazas ás actuacións da Asociación Folclórica Vila de Baiona, Airiños da Lagoa de Baíña co grupo de gaitas Os Trebellos e a A.F. Ardelume de Baíña. Pola súa banda, a danza terá o seu espazo con festivais protagonizados polas escolas de baile Girós de Baíña, Dando La Nota de Baredo, a Escola de Danza Paradela e L’Danzia, que mostrarán o traballo realizado durante o curso.

Para os amantes dos grandes espectáculos, haberá un tributo aos Beatles e outro a Joaquín Sabina, dúas citas imprescindibles para os afeccionados aos clasicos do rock e da canción de autor. Ademais, Rubén Simeó & Agrupación Musical de Belesar ofrecerá unha actuación especial, e completará esta sección de grandes espectáculos Unha Noite na Ópera e a Zarzuela, para os gustos máis clásicos.

As orquestras de renome tamén terán un papel protagonista. Fania Blanco Show e Panorama actuarán no Parque da Palma os días 15 e 16 de xullo, festivo local, con motivo das Festas da Virxe do Carmen, patrona de todos os mariñeiros. Máis adiante, xa a finais de xullo e principios de agosto, Finisterre, Los Players e París de Noia subirán ao mesmo escenario para as festas patronais da Virxe da Anunciada, patrona de todos os baioneses, nos días 31 de xullo e 1 e 2 de agosto de 2026.

O humor e a risa teñen este ano sección propia dentro do Baiverán. Baixo o nome de Bairetranca, os monólogos estivais amplían a súa oferta e comezarán en xullo con Xavi del Tell e Pablo Meixe, este último da man do Programa + Escénica da Deputación de Pontevedra. A programación continuará enchendo de retranca o mes de agosto con máis actuacións que se irán anunciando próximamente.

Os festivais son outro dos grandes atractivos do verán baionés. Volven citas xa consolidadas como o Entre Playas Sunset Festival, o Barbos Fest e a cuarta edición do Festival Peregrino Encontro no Camiño. Para os máis pequenos, o Pequefest regresa con fiesta Holi e festa da escuma, garantindo horas de diversión tanto no centro de Baiona como nas distintas parroquias do municipio.

Máis alá da música e o entretemento, o Multiusos de Sabarís acollerá exposicións de pintura, fotografía e escultura, así como charlas e coloquios con poñentes de proxección nacional e internacional que abordarán temáticas de actualidade e interese xeral.

As rutas culturais, históricas e turísticas completan esta vertente máis divulgativa da programación. As andainas e visitas guiadas permitirán aos veciños e visitantes coñecer en profundidade todos os encantos e recunchos do municipio, desde o seu rico patrimonio histórico ata os seus espazos naturais máis singulares.

TEMAS

Tracking Pixel Contents