Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Rosal prepara unha nova edición da Mostra de Cinema

curtas

y A sexta edición do festival que levará o mellor da curtometraxe internacional ao Baixo Miño

Presentación da VI Mostra de Cinema do Rosal.   | // LUIS DORADO

Presentación da VI Mostra de Cinema do Rosal. | // LUIS DORADO

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
[O Rosal]

O verán chega ao Rosal con cinema. A Asociación Ghorghalado e o Concello do Rosal presentaron a sexta edición da Mostra de Cinema do Rosal, un dos eventos culturais de referencia do Baixo Miño que cada ano achega o mellor das curtametraxes internacionais a escenarios ao aire libre de toda a comarca.

Durante o acto de presentación desveláronse as datas e os premios desta nova edición, e proxectáronse algunhas das curtas gañadoras do ano pasado. O evento rematou cun vídeo mapping sobre a fachada do Concello, que foi un dos momentos máis espectaculares da noite. Tamén se presentou o cartel desta edición, que mantén a imaxe corporativa consolidada da Mostra, e o trofeo deseñado polos propios membros de Ghorghalado e elaborado polo escultor portugués J.M. Teixeira, de Arcozelo, en Ponte de Lima. Ademais, proxectouse un videoclip de promoción que, en pouco máis de dous minutos, percorre o valor natural, patrimonial e gastronómico da comarca.

A nova edición chega coa forza do éxito colleitado na quinta convocatoria, na que se presentaron 1.132 curtametraxes procedentes de países de toda Europa, pero tamén de Estados Unidos, México, Colombia, Brasil, Taiwán, India ou Sudáfrica. Precisamente o sábado pechouse o prazo de envío de curtas para esta edición, que xa acumula un número de inscricións similar ao da anterior e mantén a diversidade internacional de procedencias.

Un verán de cinema

As proxeccións estenderanse ao longo de xullo e agosto por toda a comarca: Goián, Camposancos e lugares do Rosal como San Miguel, Fornelos, Novás e Marzán acollerán as curtas da selección oficial en xullo, mentres que en agosto se proxectarán as gañadoras e finalistas, co obxectivo de achegar este tipo de cinema ao maior número de persoas posible.

A fase competitiva concentrarase na Praza do Maio de Tabagón do 5 ao 8 de agosto, con música en directo na inauguración e no peche. A entrega de premios celebrarase o domingo 9 de agosto nos xardíns do Concello. Os galardóns recoñecerán a mellor curta segundo o xurado e segundo o público, ademais do mellor guión, a mellor interpretación, a mellor fotografía e as mellores temáticas social e rural.

Coincidindo co festival, o salón de exposicións do Concello acollerá unha mostra con contido multimedia sobre as orixes do cinema galego. A organización avanza que haberá máis novidades que se irán desvelando nas semanas previas ao evento.

Tracking Pixel Contents