«O patrimonio cemiterial galego está aínda pouco explorado»
y «Dá a sensación de que vivimos nunha lingua e morremos noutra.»

Emma Pedreira. | // EMMA PEDREIRA
Laura Porto
Emma Pedreira (A Coruña, 1978) é unha das voces máis singulares da literatura galega contemporánea. A súa obra transita por territorios que van dende a lírica máis intimista ata a palabra comprometida co tempo que vivimos. Falamos con ela sobre o seu libro As horas mortas, e sobre o fenómeno tanático en Galicia, trala visita ao cemiterio de Cabreira que guiou no marco do festival Entreverbas, que este ano acadou a súa XI edición.
- De onde xorde a idea de escribir un libro como As horas mortas?
O meu interese polos cemiterios sempre estivo aí, desde as visitas que facía de nena ao de Santo Amaro, no meu barrio da Coruña. Para min son espazos obrigados de visita en calquera viaxe. Visitando cemiterios que están musealizados e dos que hai guías, visitas explicativas e bibliografía, dinme conta de que o patrimonio cemiterial galego -agás contadas excepcións- está aínda moi pouco explorado aínda pendente de reivindicar e dar a coñecer. Empreder esta viaxe arredor duns cantos entre os case catro mil cemiterios que temos no país, é un acto de curiosidade pero tamén de responsabilidade co noso patrimonio máis deostado.
- Como escolleu que cemiterios visitar? Houbo algún que lle causara especial impacto?
Comecei polos de proximidade, cun mapa na man e seguindo unha ruta intuitiva ás veces. Outras veces guieime polas recomendacións de xente ou lecturas sobre algunhas historias en particular. Noutras ocasións acompañáronme persoas que pertencía á zona (por iso o libro está subtitulado «viaxes e conversas») que me levaban a lugares cos que tiñan unha relación específica que me contaban. Co tempo haberá unha segunda parte na que seguirei xuntando historias, xentes e lugares.
Entre os que me causaron máis impacto están os abandonados. Non saen neste As horas mortas por motivos de espazo. Pero é de suma importancia saber que hai cerca dun cento de cemiterios abandonados mais que non están baleiros senón esquecidos e que alí aínda seguen soterradas persoas, identificadas cos seus nomes, apelidos e historias e que algunha vez foron veciñas e veciños da parroquia, membros dunha familia e dunha comunidade que, co tempo, deixou de as lembrar.
- Que contan os cemiterios galegos sobre a nosa identidade?
Contan cousas tan diversas como é diversa a xente en Galicia. Os cemiterios de costa non son iguais que os do interior, nin os das cidades que os das vilas ou das parroquias. Os enterramentos tamén son expositivos do poder en vida da xente que os «habita» e non deixan de ser unha exhibición de ostentación ou, no seu caso, de humildade.
Hai cousas que se contan en positivo, como o coidado das tumbas das crianzas. En negativo tamén hai cousas que se nos contan a simple vista: o desleixo sobre este tipo de patrimonio por parte das instucións, a perda do sentido da estética e do uso da simboloxía funeraria e da súa narrativa en prol de modelos estereotipados e baleiros de contido, moitas veces. Agora case todos os enterramentos son case iguais, mesmo uniformes nalgúns lugares e é moi difícil atopar simbolos que remitan á vida ou ao carácter das persoas soterradas.
Tamén falan dun desleixo profundo pola lingua de noso, onde dá a sensación de que vivimos nunha lingua e morremos noutra por falta de atención ao detalle. A presenza da lingua galega en cemiterios parroquiais, onde é máis que seguro o uso do galego por parte da xente, é case que anecdótica, aínda que vai aumentando aos poucos, normalizando o seu uso.
- Cal é o aspecto máis salientable do cemiterio de Cabreira?
A pesar de ser un parroquial pequeniño e bastante abandonado, que o recinto cemiterial comece no propio muro da igrexa e garde tantas laudas antigas desbotadas, é unha rareza (e unha mágoa). É curioso chegar a el a través dunha veiga e de viñas, polo que a parroquia de alén e a do aquén, como dicía Marcial Gondar, están vencelladas neses apenas corenta metros.
O aforismo do frontispicio é pouco abundante, xa que non o rexistrei igual en ningún dos cemiterios que visitei. Tamén se me fixeron especiais un par de laudas trasladadas da parte antiga, unha delas que conta cunha pequena cunquiña, moi probablemente para ofrendas de auga ou de sal, unha especie de benditeiro que só vin en sepulturas doutras culturas, o que pode estar relacionado cos lugares de migración da xente de Cabreira. Ademais, conta cun máis que notable edificio de autopsias, cousa pouco común nun lugar tan pequeño.
- Que é o que máis lle gusta do Entreverbas?
O factor comunitario e como co tempo se foi volvendo unha identidade plena para este festival. A implicación da veciñanza tanto coas súas propias voces como coas súas pertenzas, saberes e traballo son xa parte do especial que é o Entreverbas, que xa de seu significa Cabreira e significa tamén un grupo de xente de fóra do núcleo duro da cultura e por tanto cunha perspectiva auténtica, máis fresca e implicada.
- Esta é a súa segunda vez no festival, como é a súa experiencia?
A primeira vez participei como poeta e como artista plástica cunha exposición de poemas e colaxes e agora vin convidada como divulgadora do meu traballo sobre os cemiterios, polo que isto di moito máis do festival que de min. Di que é poliédrico e plural, aberto a todas as experiencias posibles arredor da cultura e eu non podo máis que estar agradecida por que se teña en conta cada pequena cousa que fago, porque sentirme tan arroupada. Ademais, teño a fortuna de ver como medra o festival, tanto en días como en público, así como en forza e repercusión
- Cre que levar a literatura fora das cidades e librarías cambia o modo en que o pobo a recibe?
O dinamismo é necesario. Se entendemos que a poesía non morde ou unha visita a un cemiterio pode ser divertida e estimulante, estamos gañando público e tamén lectorado potencial, sobre todo en lugares que sempre permaneceron á marxe por falta de infraestruturas culturais cando a eira veciñal, o palco da festa, o adro da igrexa ou a taberna son lugares ancestrais de rito.
- El «Vigo Arena», llamado a saldar una deuda histórica: la ciudad olívica es la única gran urbe española sin un recinto cubierto para eventos multitudinarios
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- El miedo regresa a O Terrón tras otro incidente violento con el mismo protagonista
- La flota teme una nueva expulsión en África por la falta de acuerdo con Mauritania: ya hay barcos repatriados y a la venta
- ¿Confundió David Bisbal la bandera de Galicia con la de Argentina al cantar el tema del Mundial?
- Borja Iglesias, el niño que quería ser Fernando Torres
- El grito eterno del minuto 106
- Vuelca un camión hormigonera en el enlace de la A-52 con la A-55 en Mos