Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño baixa o pano outro curso

fin de curso

y Case 40 nenas, nenos e adolescentes achegáronse ao teatro e adquiriron ferramentas para o seu día a día

Mostras de fin de curso na Escola Municipal de Teatro de Tomiño.   | //D.P.

Mostras de fin de curso na Escola Municipal de Teatro de Tomiño. | //D.P.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
[Tomiño]

Quince anos, case 700 persoas e un escenario que segue cambiando vidas. A Escola Municipal de Teatro de Tomiño, Migallas, pechou o curso 2025-2026 cunha función que foi a demostración palpable de que o teatro transforma, une e fortalece. Baixo a batuta da docente e actriz Tamara Campos, case 40 nenos, nenas e adolescentes despediron un ano de traballo, risas, ensaios e descubrimentos persoais que van moito máis aló das táboas.

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño baixa o pano outro curso

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño baixa o pano outro curso

Migallas non é unha escola ao uso. Desde a súa fundación, hai xa tres lustros, o proxecto apostou por unha filosofía diferente: non busca crear grandes artistas nin pulir futuros intérpretes profesionais. O seu obxectivo é, como explica a propia Tamara Campos, «darlle ao alumnado ferramentas para expresar as súas emocións no día a día e ofrecerlles un espazo seguro no que poidan ser elas e eles mesmos». Esa premisa, aparentemente sinxela, convértese en práctica transformadora cada vez que un grupo de rapaces e rapazas entra na aula e comeza a xogar.

O xogo como método

O xogo é o eixo vertebrador de toda a proposta pedagóxica. A través da improvisación, os participantes aprenden a escoitar, a reaccionar e, sobre todo, a expresar o que senten sen medo ao xuízo alleo. Nun mundo onde a presión social e a sobreexposición dixital marcan a infancia e a adolescencia, Migallas ofrece algo cada vez máis escaso: un lugar no que equivocarse está permitido, no que a vulnerabilidade é fortaleza e no que cada voz ten o mesmo valor.

A través da expresión dramática, a creación colectiva, o ensaio e a posta en escena, o programa introduce ao alumnado no universo teatral ao tempo que estimula a imaxinación e as capacidades creativas, fomenta o traballo en equipo e mellora os recursos expresivos e comunicativos, con independencia da idade. Participan tanto os máis pequenos, que se achegan ao teatro como un xogo de descubrimento, como os adolescentes, que atopan nel un espazo de reflexión e autocoñecemento.

Un dos aprendizaxes máis valiosos que traballa a escola é, segundo Campos, «o de alzar a súa voz cando saian ao mundo». Non se trata só de proxectar a voz nun escenario, senón de ter a seguridade de defender a propia opinión, de saber dicir non, de relacionarse desde o respecto e a autoestima. Habilidades que, como subliña a docente, van moito máis aló do teatro e acompañarán ao alumnado ao longo de toda a vida.

Tecer grupo é outro dos piares fundamentais de Migallas. Tratarse con igualdade e respecto, traballar xuntas e xuntos con independencia das diferenzas, construír algo común desde a diversidade: estes son os valores que impregnan cada sesión. A escola entende a aprendizaxe como un acto colectivo e transformador, onde o proceso importa tanto ou máis ca o resultado final.

Esa filosofía queda reflectida tamén na amplitude de idades que conviven no proxecto. Nenas e nenos de diferentes cursos escolares comparten escenario e exercicios, aprendendo uns dos outros nun intercambio natural que reproduce, en pequeno, o funcionamento da sociedade. Os máis novos aprenden a responsabilidade e a escoita dos maiores; os maiores redescubren a espontaneidade e a imaxinación dos pequenos.

Quince anos de historia

Desde o Concello de Tomiño, a alcaldesa Sandra González quixo subliñar o valor humano e social dunha iniciativa que xa forma parte da identidade cultural do municipio. «É un proxecto do que sentimos moito orgullo, porque prepara para o futuro a persoas máis seguras, máis expresivas e máis capaces de relacionarse co mundo», afirmou González, que destacou a traxectoria acumulada ao longo de tres lustros. «Quince anos xa xogando para seguir aprendendo e ensinando uns valores que a nosa rapazada levará sempre dentro».

Ese percorrido converte a Migallas nun dos proxectos de educación non formal máis lonxevos e arraigados do concello. Case 700 persoas pasaron polas súas aulas desde que abriu as portas.

As clases retómanse en setembro para un novo curso, con nova ilusión e, presumiblemente, con novos participantes.

Tracking Pixel Contents