Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Caniza enche o verán de 70 actividades para todos os gustos

lecer

y Verán de Lecer 2026 combina cultura, deporte, gastronomía e tradición

Presentación da programación de verán da Caniza.   | // D.P.

Presentación da programación de verán da Caniza. | // D.P.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
[A Caniza]

O alcalde Luis Piña, acompañado polos concelleiros do Equipo de Goberno, presentou a programación do Verán de Lecer 2026, unha proposta pensada tanto para a veciñanza como para os visitantes que chegan á Caniza durante os meses de estío.

En total, a programación reúne 70 actividades culturais, deportivas, gastronómicas e de lecer que se desenvolverán ao longo de catro meses.

Durante o acto de presentación, o rexedor subliñou o carácter colectivo do programa, que é froito da implicación de clubs, asociacións, colectivos locais e voluntarios que ano tras ano fan posible este verán cultural e deportivo. O Concello quixo recoñecer expresamente o papel dinamizador destas entidades e agradeceu a dedicación de todas as persoas que colaboran de forma desinteresada.

Dous actos institucionais marcarán o comezo do verán. O 4 de xullo, a Asociación Deportiva Caniza ADECA CF recibirá a Medalla de Prata da Vila nun acto no Salón de Plenos, mentres que o 1 de agosto será o CF Caniza o que recollerá a Medalla de Ouro da Vila da Caniza, o máximo recoñecemento municipal. Ambas distincións honran a traxectoria e a contribución destes clubs ao deporte local.

Novidades

Entre as principais incorporacións deste ano destaca a recuperación da Carreira / Andaina do Xamón, que volverá celebrarse o 1 de agosto. Tamén se estrea o Torneo de Tenis Concello da Caniza, previsto para os días 4 e 5 de xullo nas pistas municipais das Grades.

Outra novidade de relevo é a celebración da primeira Exposición Filatélica da historia da Caniza, organizada coa colaboración da Federación Galega de Sociedades Filatélicas. A mostra, que se poderá visitar do 3 ao 7 de agosto no Salón de Plenos, incluirá coleccións dedicadas á gastronomía e á cultura galega, a presentación do primeiro cuño conmemorativo da LX Festa-Feira do Xamón e unha mostra sobre a historia postal do municipio.

O Campamento Urbano de Verán tamén terá presenza ao longo de todo o mes de xullo en dúas quendas, facilitando a conciliación familiar e ofrecendo actividades deportivas e de lecer para os máis pequenos.

A LX Festa-Feira do Xamón

O punto álxido do verán será, un ano máis, a Festa-Feira do Xamón, que o 15 de agosto celebra a súa 60ª edición. A programación especial incluirá a XI edición do Concurso Nacional de Cortadores de Xamón, unha xornada gastronómica na Carballeira do Cacharado e actuacións musicais e espectáculos infantís. Como antesala, o 13 de agosto celebrarase o Obradoiro do Bocata de Xamón Xigante e o 14 o Curso de Corte de Xamón e Cata de Viños.

A programación complétase con andainas, rutas ciclistas, torneos de fútbol e balonmán, cine ao aire libre, concertos, teatro, maxia, circo e humor, xunto ás celebracións tradicionais como as Festas do Santísimo Cristo da Agonía, o Curro do Pedroso, a Sardiñada Popular da Carballeira do Cacharado, a Festa da Terceira Idade ou a Romaría da Franqueira.

O programa completo está dispoñible na web municipal caniza.org.

Tracking Pixel Contents