Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«O Conde de Gondomar é o embaixador por antonomasia»

y «Para a política inglesa daquel momento foi malo, porque Inglaterra estaba a comezar. Ao pirata máis importante conseguiu cortarlle a cabeza»

Fernando Bartolomé no Parador de Baiona.   | // D.P.

Fernando Bartolomé no Parador de Baiona. | // D.P.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

LAURA PORTO

[Baiona]

Fernando Bartolomé, catedrático de Lingua Española e Literatura e estudoso da cultura e da historia do Século de Ouro, promove o simposio Osar morir da la vida para conmemorar o 400 aniversario do falecemento do Conde de Gondomar (1626-2026), unha das figuras diplomáticas máis relevantes de Galicia e da monarquía hispánica. Reunímonos con el en Baiona para falar desta efeméride, que se celebrará os días 1 e 2 de outubro.

- Quen foi o Conde de Gondomar?

El comeza en Baiona. Aínda non é nobre. O seu avó fora capitán de corazas de Juana I de Castilla. Dise del que matou a Pedro Madruga. Un dos seus fillos é o pai do conde de Gondomar. Cando vén Drake a tomar Baiona, o conde de Gondomar deféndea con 15 anos, arengando ao pobo con sete bandeiras. A partir dese momento xa se dedica á guerra. Nun momento dado cansa de estar aquí. Pasa de ser un guerreiro a ser un cortesán. Ascende ata que o duque de Lerma, que é o primeiro ministro de Felipe III, tenlle envexa e quítao do medio mandándoo ao destino máis difícil, onde está a piques de comezar a guerra: Londres. E alí é tan bo embaixador que deixa pegada.

- Cal é a vinculación con Baiona do Conde?

O seu avó trata de colocalo en Baiona, pero non o queren, porque é un Sarmiento e aquí gobernan os Soutomaior: os seguidores de Pedro Madruga. Por iso marchan a Gondomar.

- Por que decidiu organizar este Congreso?

Eu quería conmemorar os 400 anos da súa morte, traer aos mellores especialistas, e que fose aberto para todo o público, pero sobre todo para os seus «compatriotos», como se dicía no XVI. E facelo no seu lugar máis nobre, que é o Parador. El é o embaixador máis importante que tivo España. Conseguiu paralizar a pirataría inglesa e cambiou un pouco os pesos políticos en Europa.

-Por que decidiu dar ao simposio o nome Osar morir da lavida?

Os cabaleiros andantes tiñan un lema, unha filosofía xeral de vida. Ese é o lema do Conde de Gondomar. Tiñao no seu escudo.

- Canto tempo leva investigando a súa figura?

Pois desde o 2003 aproximadamente. En 2003 saquei un libriño que tivo moito éxito, O Maquiavelo Español. Chamábanlle así porque dicían que lle daba bebedizos galegos ao rei de Inglaterra e lle cambiaba a cabeza; que lle tiña comido o espírito. Ese rei pasou á posteridade como un mal rei para Inglaterra, porque Gondomar comeulle a torrada. Chamábaselle o embaixador por antonomasia.

-Por que cre que é unha figura tan descoñecida, a pesar desta importancia?

Non é tan descoñecida. É un personaxe que é máis descoñecido para o gran público ca para os estudosos. E non son poucos os estudosos. Agora tiven que espigar moito para sacar aos mellores que hai, porque os españois, en xeral, non apreciamos o que temos... E un personaxe como o Conde de Gondomar, que nalgún momento case foi o árbitro de Europa, pasou a ser un personaxe de segunda fila. Tamén, Galicia sempre tivo unha posición excéntrica. E este personaxe era moi galego. Era moi español e moi galego.

-Canto sabemos do Conde?

Eu creo que, aínda que se coñece e se escribiron estudos importantes queda bastante por estudar. Fíxate que el ten milleiros de cartas, e témolas todas. Iso é un viveiro intelectual impresionante. E aos dous que as estudan na Biblioteca Real de Madrid, e á directora da Biblioteca Real, traémolos aquí, para que nos falen de como era o home a través dos seus escritos, os que el manda e os que el recibe.

-Que máis cousas haberá no Congreso?

Temos un concerto de música antiga. Música antiga española e inglesa. El tiña unha capela musical e levou, por exemplo, a «danza del hacha» a Inglaterra, que foi un éxito tremendo; todo o mundo quería bailala, ata os reis. Levou a Inglaterra mesmo aos seus propios músicos. Era un tipo xa, nese momento, de certa importancia. Chegou a piques de comezar a guerra, e parouna. O primeiro día será para amosae a Europa anterior á Guerra dos Trinta Anos, un dos momentos máis convulsos de todos os tempos. Despois quero amosar como quedou destruído o poder naval inglés. A segunda sesión xa fala do primeiro Gondomar, antes de Inglaterra. E como o vía o pobo inglés a través dos panfletistas. E o último día, como é o home: desde as cartas. A última conferencia, o Gondomar de Inglaterra, é outro dos momentos clave.

-Ademais da música, o Conde é responsable dalgunha outra «exportación» cultural?

A nivel inglés encantaba, porque era un tipo moi simpático. Xa de pequeno, en Galicia chamábanlle o pequeno fistor, que quere dicir o poeta popular. Cando era pequeno ía polas casas para que lle contasen historias, que despois levou a Inglaterra.

-Sobre que tratará a conferencia que dará vostede?

Eu vou explicar a imaxe que tiñan os ingleses do Conde de Gondomar a través dos panfletistas.

-Como era esa imaxe?

Horrible. Hitler, Felipe II e Gondomar, os tres inimigos do inglés. Ata hai pouco esa era a consideración que se tiña do Conde. Era un home que, efectivamente, era o Maquiavelo español, o que podía facer todos os males. Un deses panfletos, o último que se publicou, traducino para darllo a todos os que veñan ao Congreso.

-Había algo de verdade neses panfletos?

Tampouco temos que caer na lenda rosa. Nin na lenda negra, nin na lenda rosa. A verdade é que para a política inglesa daquel momento foi malo, porque Inglaterra estaba a comezar. Ao pirata máis importante conseguiu cortarlle a cabeza. Iso para os ingleses seguramente é unha das grandes derrotas de toda a súa historia.

Tracking Pixel Contents