Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura e ocio para todos en Covelo

programación

de verán

Juan Pablo Castillo, Lourdes Enes e Pilar Martínez, María do Ceo,  DJs Traffic House, Kola e Santigab.  | // D.P.

Juan Pablo Castillo, Lourdes Enes e Pilar Martínez, María do Ceo, DJs Traffic House, Kola e Santigab. | // D.P.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
[Covelo]

O Concello de Covelo presentou a súa programación cultural, turística, deportiva e de ocio para este verán, cun extenso calendario de actividades que se prolongará ata o mes de outubro.

A iniciativa, impulsada desde o goberno local, converte o municipio nun espazo de encontro tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes que desexen descubrir un destino singular no interior de Pontevedra, onde a natureza, a cultura, o deporte e a tradición se dan a man.

A programación deste 2026 combina concertos, festas populares, actividades deportivas, sendeirismo, propostas familiares, patrimonio, gastronomía, turismo cultural, cine, teatro, obradoiros e experiencias innovadoras para todas as idades.

O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, subliñou durante a presentación a importancia de manter e ampliar esta oferta como motor de dinamización social, cultural e económica do municipio. «Queremos convidar á veciñanza e tamén ás persoas visitantes a achegarse a Covelo, a participar nas diferentes actividades organizadas e a desfrutar da nosa natureza, da nosa cultura e tamén da nosa gastronomía. Covelo segue sendo un destino de música, deporte, natureza, teatro, diversión e experiencias para todas as idades», sinalou o rexedor. Castillo Amigo fixo fincapé tamén na dimensión familiar da programación, destacando que está «pensada para chegar a todos os públicos, favorecendo espazos de encontro e actividades que permitan compatibilizar o ocio, a educación e o tempo compartido».

Programación

Entre os grandes fitos da programación musical destaca o concerto especial de María do Ceo, recoñecida cantante e compositora de fado e unha das voces máis destacadas deste xénero en Galicia e Portugal.

Outra das grandes novidades é a recuperación da Festa da Xuventude, moi demandada pola mocidade. O evento contará coa participación de DJ Traffic House, Khirs Guez, DJ Olalla, Ferchu e DJ SantiGab, xunto co escenario da discomóbil Brétemas.

No terreo gastronómico, Covelo volverá celebrar a súa Festa do Churrasco na Carballeira do Campo da Feira. O evento contará coa colaboración da hostalaría local.

Os días 31 de xullo e 1 e 2 de agosto, haberá unha concentración motera organizada por Ordas do Sur coa colaboración do Concello. A cita reunirá afeccionados ao mundo do motor chegados de diferentes puntos e contará cun amplo programa de actividades ao longo de toda a fin de semana.

A programación incorpora dúas experiencias de Escape Room. A primeira, «Estrelas», é unha proposta centrada na igualdade de xénero, na que os equipos deberán superar retos relacionados con figuras femininas que contribuíron de forma decisiva ao avance da humanidade. A segunda, «Noite Meiga», é unha experiencia inmersiva baseada nas lendas, mitos e tradicións galegas.

Tras o éxito do ano anterior, regresa tamén a semana «Filosofía para Veraneantes», proposta singular que converterá Covelo nun espazo de reflexión e diálogo arredor do territorio rural. Ao longo de cinco xornadas abordaranse cuestións como o futuro das aldeas, a sostibilidade, a identidade, a cultura e os retos sociais e económicos do interior.

No ámbito do patrimonio, o Concello continuará coas portas abertas do Serradoiro dos Carranos e da Aula da Natureza. Como novidade, incorpóranse as visitas ao conxunto abacial de Barcia de Mera,.

O apartado deportivo e de natureza mantén o seu peso dentro da programación, con rutas de sendeirismo, actividades deportivas e propostas recreativas para diferentes idades .

A dimensión de conciliación familiar aumenta a súa presenza, con actividades infantís, espazos de ocio compartido e iniciativas pensadas para favorecer a participación das familias. Desde o Concello subliñan que esta programación busca «seguir facendo de Covelo un concello vivo, dinámico e atractivo durante todo o ano».

Tracking Pixel Contents