Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tui celebra a segunda edición de Mercarte con cinco expositoras

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
[Tui]

Tui volve apostar polo talento local coa segunda edición de Mercarte, un espazo pop-up que abriu onte as súas portas, e permanecerá activo ata o luns 15 de xuño na sala anexa da Oficina de Turismo, situada no céntrico Paseo da Corredoira. A iniciativa, impulsada polo Concello de Tui, busca apoiar o emprendemento creativo, dinamizar a actividade cultural e comercial da cidade e achegar nun mesmo espazo a creadoras e público arredor da artesanía, o deseño e a produción local.

Tras a boa acollida da primeira edición, Mercarte regresa como escaparate para pequenos produtores e creadoras que apostan polo traballo artesanal, a autenticidade e o valor do feito a man. O espazo funcionará en horario de mañá de 10.30 a 13.30 horas e de tarde de 17.00 a 20.00 horas, ampliando os venres e sábados o peche ata as 21 horas.

Cinco expositoras

Nesta segunda edición participarán cinco expositoras con propostas variadas e orixinais. Mar.jewelrin presentará xoias elaboradas en resina e flores naturais; Manos Creadoras 21 achegará pezas decoradas a man mediante a técnica do puntillismo; Shirga mostrará as súas creacións en xoiería de deseño propio en prata; Paula Siddell participará con ilustracións animais, cadernos artesanais e encargos personalizados de mascotas; e Quiñons da Insua representará a produción vitivinícola local, sumando así unha achega ao patrimonio gastronómico da comarca.

A programación desta edición vai máis alá da exposición. Ao longo do mes, desenvolverase un ciclo de obradoiros creativos co obxectivo de achegar ao público as distintas técnicas artesanais e brindar a oportunidade de participar activamente nos procesos de creación.

Dende o Concello de Tui convídase á cidadanía e ás persoas visitantes a descubrir este espazo efémero no corazón da cidade, onde a creatividade, a proximidade e a identidade local se dan a man en cada peza única e orixinal.

Tracking Pixel Contents